Improvisacións do concello

 

 

Agora dende o concello, anuncian a substitución das bicicletas por atoparse en mal estado debido a que os vehículos non estaban preparados para estar á intemperie e, xa que logo, oxidáronse. Na actualidade son 350 as bicicletas dispoñibles en 19 paradas.

 

Esquerda Unida ve no cambio de bicicletas anunciado polo concello, falta de previsión e planificación que, unha vez máis, supón un sobrecusto para as arcas municipais. Semella inaceptábel que os poderes públicos poidan desenvolver actuacións con eivas tan evidentes.

 

César Santiso, coordinador comarcal de EU, solicitou ao Goberno local que se deixe de improvisacións e que se dedique a consensuar un plan de mobilidade en lugar de desenvolver accións individuais desconexas.

 

Asemade, César Santiso declarou que “o Goberno municipal, gasta unha importante cantidade económica en asesores, máis non é capaz de decatarse dunha realidade tan evidente como que na Coruña chove e o ferro en contacto coa auga oxidase, ou a necesidade de poñer unha cuberta lixeira nas paradas para evitar as molladuras”.

 

Diante desta nova improvisación, o consello comarcal de EU Coruña subliña a imperiosa necesidade de desenvolver, mediante participación cidadá, un plan integral de mobilidade urbana sostible (PIMUS). Esquerda Unida leva meses desenvolvendo o devandito PIMUS baseado nun cambio no concepto de cidade a través da recuperación da tradicional vida de barrio coruñesa para evitar a necesidade de desprazamentos constantes, a promoción do uso de bicicletas e a consecución dun  transporte público amplo, eficaz, económico, universal e sostible que permita a veciñanza desprazarse por toda a cidade con comodidade e puntualidade, ao tempo que evite a multitudinaria entrada de vehículos na nosa cidade mediante a creación de grandes aparcadoiros disuasorios, públicos e gratuítos, nas principias entradas da Coruña, que estean  perfectamente conectados co resto da cidade mediante transporte público, para evitar os xa habituais colapsos.

Relacionados