Incremento gasto limpeza viaria

Esquerda Unida denuncia que a limpeza viaria se encareceu 1,6 millóns dende a entrada do PP no Concello. Neste reducido espazo de tempo, o importe do contrato pasou dos 8,8 millóns do 2011 aos 10,4 millóns do ano 2014. (Programa 163, código económico 22715).

O Grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que o aumento do prezo da limpeza viaria non repercutiu en melloras do servizo nin das condicións laborais dos seus traballadores. Veciños, como os dos barrio de Monte Alto, denunciaron en varias ocasións que baixo a administración de Negreira algunhas das rúas que se limpaban diariamente pasaron a ter tan só unha limpeza mensual.

O voceiro de EU-V, César Santiso, afirma que “pagar máis polo mesmo servizo que tiñamos en 2011 só serve para enriquecer a empresas que prosperan en base a contratos públicos e precariedade laboral; así entende o éxito o Partido Popular. Negreira presume de capacidade de negociación e de lograr grandes descontos polo prezo dos servizos que contrata, pero vemos como ano a ano as facturas crecen mentres a actividade económica da cidade cae, e a prestación de servizos municipais empeora”.

Relacionados