Incumprimento co sector lácteo

O deputado Antón Sánchez critica con dureza as escusas da Xunta, que se ampara no Tribunal da Competencia para non esixir ao Goberno do Estado un prezo mínimo do leite

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2013.- A Xunta incumpre, un por un, todos os compromisos adquiridos co sector lácteo. En decembro do pasado ano, Alberto Núñez Feijóo asinaba ante as organizacións agrarias un acordo segundo o que o seu partido incluiría na nova Lei de Seguridade da Cadea Alimentaria un prezo mínimo do leite para os produtores. En marzo, reiteraba ese acordo diante dos grupos con escano no Parlamento de Galicia. “Isto é unha traizón ao país, porque Feijóo incumpriu todos os compromisos ao respecto”, denunciou o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez, que preguntou polo asunto á conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, no pleno do Hórreo.

Pero as respostas de Quintana non foron máis que vaguidades e medias verdades. Escudada nun informe do Tribunal da Competencia, asegurou que era imposíbel que a norma recolla a histórica reivindicación dos gandeiros para que a industria pague un prezo mínimo do seu produto. “As palabras escritas valerán de algo, digo eu, e son vostedes os que incumpren todos os acordos”, criticou Sánchez, “e non vale ampararse na Comisión Nacional da Competencia. Onde estaba a comisión cando hai venda a perdas? Quen distorsiona o mercado é o oligopolio da distribución”.

O parlamentario de AGE lembrou, ademais, que Estados como o francés ou o alemán acadaron acordos cos produtores que estabelecen un prezo mínimo do leite. E mentres, en Galicia, as políticas do Partido Popular aniquilan o rural: “Non solucionaron o tema das terras e son os autores intelectuais da desfeita de Alimentos Lácteos, son vostedes prexudiciais para o medio rural”.

Relacionados