Ingreso por tarxeta sanitaria

 

O secretario xeral técnico do Sergas, Antonio Fernández Campa, non respondeu ás preguntas (no arquivo anexo) da deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Eva Solla sobre a prestación deste servizo. Ao mesmo tempo, o alto cargo de Sanidade admitiu o repagamento ao expor que eses dez euros inclúen o persoal. “Pero é que o persoal que as tramita pertence á función público”, puntualiza Solla.

Dende 2012, a Xunta de Feijóo cobra dez euros a cada cidadá ou cidadán que duplique a súa tarxeta sanitaria por mor dun extravío. A deputada Eva Solla lembrou que a finais do pasado ano, o Goberno do PP sacou a concurso o subministro desas tarxetas por 101.173 euros, dos que 96.206 se destinan á produción das mesmas nun número de ate 216.000. É dicir, que cada tarxeta sae a un custo de 44 céntimos de euros e logo élle cobrada ao cidadán a dez euros. “Cóbrase un sobrecusto de 9,5 euros que van directamente ao peto da consellaría”, denunciou Solla, “co que vostedes recadan cartos coa duplicación de tarxetas. Co que vostedes fan negocio”.

Para Alternativa Galega de Esquerda, todo este asunto resulta inaceptábel. “Porque a sanidade é un dereito universal e gratuíto no momento da prestación”, explicou a parlamentaria, “e se preciso unha tarxeta porque a perdín, non debera pagala, que para iso pagamos impostos”. Mais o Sergas non só non deu explicacións en sede parlamentaria por eses cartos que ingresan –resultado da diferenza entre os 44 céntimos de custo e os dez euros de prezo-, senón que, amais, admitiu implicitamente que, neste caso concreto, estabeleceu un repagamento. Porque Fernández Campa asegurou que neses cartos incluíase “o persoal” que, en realidade, son traballadoras e traballadores públicos.

 

 

 

 

 

Relacionados