Mobilizacións contra recortes pensións

O Consello Político Local anima á cidadanía a participar nas mobilizacións convocadas, tanto a de mañá convocada pola CIG, como a do día 23 convocada por CCOO e UGT. Lamentamos unha vez máis que non fóra posible a unidade de acción contra os ataques do Partido Popular contra a cidadanía, que fai pagar unha vez máis ao eslabón máis débil da cadea as corruptelas político financeiras. Unha reforma do PP que cercena os ingresos dun dos principais sustentos das familias da comarca, que tenta ampliar o nicho de negocio do capital financeiro e especulativo a costa dese elemento central dos dereitos económicos e sociais que son as pensións públicas.

A ameaza que verdadeiramente pendura sobre as pensións públicas é a teimuda aplicación dunha política que esgota o crédito, destrúe emprego e devasta os servizos públicos, que xeran benestar e dinamizan a vida económica. É o neoliberalismo o que ameaza as pensións públicas e a cidadanía traballadora. A continuación de políticas desta matriz ideolóxica son as que arruínan o futuro deste país.

As pensións galegas son as máis baixas do estado. Os datos elaborados pola Seguridade Social en maio deste ano 2013 fixan como media da pensión galega 723.18 euros, e comprendendo os diferentes tipos de prestación (xubilación, imcapacidade permanente, viuvedade e orfandade) 649.33 euros. O futuro das nosas vilas e cidades onde máis de 43.000 familias cobran pensións non contributivas tamén está seriamente danado.

Os concellos galegos teñen que ser un muro de contención ante estas propostas, que rachan un certo consenso conquerido dende os anos 90 tendo en conta que son os e as pensionistas quen, en boa parte, dan alento ao comercio local e, polo tanto, a actividade económica.

Relacionados