Moción para que a Igrexa pague IBI

 

En especial a igrexa católica, a maior posuidora de bens inmobles, e outras confesións.

 

A inadecuada xestión das institucións públicas, o espolio desenvolvido polos mercados, os especuladores e os bancos, a permisividade para a circulación de diñeiro negro e pola enorme fraude fiscal existente, recae, exclusivamente, sobre as costas da cidadanía, que sofre desemprego, pobreza, recorte de dereitos sociais básicos, baixada de salarios e o aumento de diversos impostos, incluído o imposto de bens inmobles (IBI), como establece o RDL 20, de 30 de decembro de 2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira para a corrección do déficit público, insta á Corporacións Locais a unha subida do IBI de entre o 4 e o 10%.

 

Esquerda Unida propón que a Igrexa católica pague o IBI e coa súa recadación se incremente o gasto social do Concello, xa que o devandito gasto aumentará exponencialmente durante os seguintes anos debido ao alarmante incremento de persoas en risco de exclusión social na nosa cidade polos motivos citados anteriormente, así, na actualidade avanza perigosamente cara o 20%, é dicir un de cada cinco coruñeses e coruñesas necesitará axudas públicas para subsistir.


O pasado 2 de marzo o Grupo Parlamentario de Esquerda Unida no congreso dos deputados fixo unha serie de preguntas nas que, entre outros puntos concretos, interrogaba ao Goberno do PP se tiña previsto seguir o exemplo de Italia, onde recentemente se acordou que a Igrexa pague o IBI polos seus bens inmobles; Tamén nos interesamos polas medidas do Goberno para terminar cos privilexios fiscais inxustificados, seguindo a orientación da Comisión Europea. A resposta escrita do Goberno do PP foi: “tales bens estarán inscritos a favor da entidade católica que corresponda e serán os concellos os que deben xirar o correspondente imposto e a igrexa xustificar, no seu caso, a exención correspondente”.


O grupo municipal de esquerda unida – os verdes presenta unha moción para debater no vindeiro Pleno do Concello para que a igrexa católica pague o imposto de bens e inmobles, concretamente a súa parte resolutiva indica:

 

 

Primeiro.- O Concello da Coruña solicita ao Goberno de España que revise o acordo coa Santa Sé sobre Asuntos Económicos de 1979 con respecto do IBI á Igrexa católica e outras confesións relixiosas, así como aos seus organizadores e centros de ensino relixioso.


Segundo.- Que se faga un censo no municipio da Coruña cos bens inmobles que están censados e rexistrados a nome da igrexa católica e doutras confesións relixiosas, así como das súas entidades e asociacións afíns.

 
Terceiro.- Analizar e estudar o conxunto de beneficios fiscais obrigatorios nos tributos locais ao obxecto de determinar a súa viabilidade futura e en todo caso adaptalos á realidade actual dado que moitos deles foron regulados fai mais de dúas décadas cunha situación social e económica moi dispar á existente na actualidade.


Cuarto.- Instar ás Cortes Xerais a que fagan as modificacións pertinentes na Lei de Facendas locais, na Lei de Mecenado e Fundacións e outras normas locais e leis estatais e autonómicas, para evitar inxustificables exencións do IBI e doutros impostos á igrexa católica e a outras entidades xurídicas.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “vivimos unha situación crítica, en tempos de crise todos e todas debemos contribuír ao mantemento do estado do benestar, a Igrexa tamén”.

 

César Santiso subliñou que “é unha cuestión de xustiza social, nun estado aconfesional non ten sentido que as institucións relixiosas teñan exencións e reducións en impostos e taxas mentres a cidadanía perde dereitos e se lle incrementan impostos”.

Relacionados