Resulta incomprensible o comportamento do Concello e preguntámonos de que forma se informou ao barrio de dita acción e como esas entidades privadas tramitaron o seu permiso ao Concello.
É intolerable que os veciños e veciñas se enteren pola prensa de asuntos que afectan á súa vida. Esiximos do Concello seriedade e que active de forma plena os órganos de participación –dos que dubidamos que vaian máis aló da propaganda institucional- para que exerzan a súa función informativa e decisoria.
A nosa organización entende que as administracións públicas deben velar pola igualdade confesional consignada no artigo 16 da Constitución. Pero na nosa cidade acontecerá todo o contrario: cédese unha praza pública para situar a efixie do papa que pode ofender, de forma innecesaria, e por diversos motivos de todos coñecidos, a persoas doutros credos. Pero, ademais, as prazas públicas converteranse en altares mediáticos dotados de pantallas xigantes para seguir a retransmisión dun desfile e dunha misa dunha confesión determinada, elevada a rango de dominante.
Con este tipo de accións vaise en contra da parte do artigo 16 da Constitución Española que di que ningunha confesión terá carácter estatal. Vulnérase a necesaria neutralidade que deben gardar as administracións públicas nos espazos públicos. Non é entendible que as crenzas de cada quen privaticen as nosas rúas e prazas públicas: xa teñen os seus templos.
Só o electoralismo e o populismo pode explicar o silencio estratéxico que gardan forzas políticas coma o BNG que se autoproclaman laicas. Con ese silencio defenden a espectacularización dun acto que representa o triunfo da Igrexa no Estado.
[A iso, hai que sumarlle toda a mercantilización do propio acto, que vai en contra da cordura, da austeridade en tempos de crise, e dos propios preceptos que se supón di defender o papa.]