O vindeiro domingo 20 de novembro saberemos se somos merecedores da confianza dos nosos concidadáns. Somos xente sinxela e humilde, con defectos como calquera, pero xente sinxela e humilde que nos dedicamos á Política porque cremos nela con maiúsculas, porque estamos convencidos de ser capaces de dignificala e recuperar o seu auténtico significado, aquel que Anguita definía como “a arte de facer posible o imposible”. Para o resto, para os do circo, para os do “tripartidismo armónico”, o diccionario amosa riqueza abonda de epítetos. Os termos “Politiquería” e “politicastros” definen ben o cortoplacismo dos que abandonan a busca do ben común para satisfacer os interes propios.
A realidade é dabondo dura como para non permiitirse xogar con ela. Somos utópicos, sen complexos, porque a utopía é o motor da Historia. Se non tivesen existido os que antes ca nós soñaron, pensaron e loitaron por un mundo mellor nin sequera teríamos aquelo que intentan roubarnos. Pero non somos idealistas;analizamos a realidade concreta para loitar pola súa transformación e ofrecer alternativas reais. Como escribiu Galeano para o video de IU, “a realidade é real porque nos invita a cambiala e non porque nos obliga a aceptala”.
O programa é o noso contrato coa cidadanía e o noso grupo parlamentario vai traballar arreo para defendelo en calquera instancia. Por suposto, tamén nas rúas.
Grazas a todos e todas os que nestes días nos apoiastes, aos que difundistes as nosas propostas, aos que vos sentides orgullosos e orgullosas desa illa chamada Utopía.
Resulta unha obviedade destacar a importancia destas eleccións no actual contexto de crise estructural do sistema. E non só para a esquerda deste país. Oskar Lafonteine, o histórico dirixente alemán, transmitía nunha carta á dirección de IU: “Un éxito de Izquierda Unida en España fortalece a la izquierda en toda Europa y contribuirá, en ese sentido, enormemente al desarrollo de una Europa democrática, social, ecológica y pacífica”. A esquerda alternativa europea está pendente destas eleccións xerais. Hoxe, como onte, facemos noso aquel berro histórico que recorreu o mundo enteiro e se convertiu en símbolo da loita contra o fascismo: “Non pasarán”.
Adiante.
No último momento, a parte fundamental do noso programa.
PROPOSTAS DE ESQUERDA UNIDA PARA CREAR EMPREGO
Este é o núcleo central do noso programa. É o problema mais serio para a maioría da cidadanía. Mentres haxa unha taxa de paro significativa haberá crise.
O traballo humano é o único que xera riqueza. O paro representa a desesperación para millóns de persoas que se ven sen futuro e un retroceso social e económico para a sociedade.
Tres cifras resumen a situación da provincia de Lugo. 21000 parados e paradas co maior porcentaxe de paro xuvenil de Galicia, 5000 familias sen ningún tipo ingreso e 6 lucenses que perden a súa vivenda cada día.
O emprego por encima de todo, significa:
· Crear emprego desde o público, porque hoxe as empresas teñen moitas dificultades para crealo sen axuda.
· Apoiar ás pequenas empresas e autónomos para que estean en condicións de crear emprego.
· Redistribuír e racionalizar o emprego existente
Para iso propomos:
En 2012, un Plan de Choque polo Emprego:
1. Un Programa de empregos verdes que comprende reforestación, explotación e mantemento de superficies forestais. (300.000 empregos).
2. Un Programa de rehabilitación sustentable de vivendas residenciais e vivendas rurais (200.000 empregos).
3. Un Plan de Empregos Sociais, para asegurar o pleno desenvolvemento da Lei de Dependencia e mellorar saúde, educación (especialmente de 0 a 3 anos) e determinados
servizos da Administración. (170.000 empregos).
4. Un Plan de Formación/Emprego para atender a situación de parados que esgotasen as súas prestacións. En colaboración cos Concellos e combinando traballo e formación. (300.000 empregos, incluídos 20.000 formadores).
5. Reducir por Lei a Xornada Laboral a 35 horas (mantendo igual retribución) para repartir o traballo existente, elevar a calidade de vida e conciliar a vida persoal e laboral.
A compensación da redución de xornada nas empresas e as Administracións Públicas, xeraría 400.000 postos de traballo.
Para axudar á pequena e mediana empresa e traballadores autónomos para crear o emprego compensatorio derivado da diminución da xornada laboral establécese unha exención nas cotizacións patronais á Seguridade Social por importe de 8.000 millóns de euros. A prioridade nestas axudas orientarase cara ao emprego xuvenil a contratos de menores de 35 anos e ampliarase cos mesmos beneficios a contratos de substitución con ese límite de idade.
6. Un Acordo-Marco con empresas de servizos básicos (auga, gas, electricidade, etc.) (50.000 empregos)
7. Un Plan de Investi mento en infraestructuras de proximidade. (80.000 empregos)
Este plan de choque terá dúas fases de ampliación para os anos 2013 e o 2015 no que se implementarán os puntos sinalados e se revisaran e actualizarán as necesidades dos sectores descritos.
E como se paga todo isto?
O custo teórico deste plan de emprego é de 40.000 millóns de euros a investir principalmente durante 2012. Pero crear emprego non é un gasto senón un investimento. Por cada 1.000 euros que se utilizan nun contrato de traballo, a Facenda pública recupera, polo menos, 586 euros entre impostos e cotizacións á Seguridade Social.
Por tanto, as necesidades de financiamento con efectos sobre o déficit e, por tanto, unha vez descontados os ingresos fiscais producidos, estímanse en 2 puntos de PIB durante o primeiro ano, que quedarían satisfactoriamente compensados pola reforma fiscal que propomos nos correspondentes puntos deste Programa e que se centra fundamentalmente na reforma do IRPF para que paguen mais os que mais teñen, na reforma e suba do imposto de sociedades para as empresas e sociedades con mais de 1 millón de euros de beneficios , na reforma do IVE e na creación dun imposto especial para a adquisición de bens de superluxo, en acabar coa economía sumerxida e o fraude fiscal, e na restauración do imposto do patrimonio e o imposto de sucesións.