A folla de ruta oculta xa non é tal. Xa é imposible continuar con contos e mentiras: agora toca dicir o que hai e chamar ao pan pan e á fame fame. Toca comezar por rexeitar todos e cada un dos conceptos e categorías que o PP vai empregar para xustificar o inxustificable. Toca deixar ao descuberto toda a entelequia intelectual que teñen preparada e que non é mais que pura intoxicación ao servizo do dogma privatizador. Disque falta cultura de costes, de capacidade relevante para competir e que para asegurar a viabilidade da empresa cómpre ser competitivos. Un xeroglífico conceptual, un círculo vicioso que agocha un axuste de persoal, unha segunda reconversión.
O CPL de Esquerda Unida quere denunciar por enésima vez o que é a matraca da reacción cavernícola popular, política e económica. Ao máis puro estilo thacherista os culpables son os traballadores que non son “productivos” Si o era cando todo ía ben. Si había produtividade adecuada cando todo ía sobre rodas. Agora, no tempo da subcontratación masiva, aparecen supostos problemas de costes ligados á competitividade. Nin máis ni menos que o 50% de costes de persoal. Nada que dicir da produtividade ligada á innovación e á capacidade de organización técnica da producción, nin unha palabra de patentes, de capacidade de anovación téncica . Nada referido ao nivel de novos pedidos. Nada de nada do esencial e que Esquerda Unida está a reclamar: investimento público masivo , investimento directo para recuperar o nivel de produción, investimento público para unha política de innovación propia e axustada ao interese público que faga de Navantia empresa tractora e co Estado direccionando e planificando a economía nos sectores estratéxicos, como o naval.
E mentres tanto.. o señor Alcalde. O señor Rey Varela afirmou recentemente que non ía consentir unha nova reconversión.U-lo señor Alcalde. Onte na mobilización dos estudantes e obreiros no naval todo o mundo agardaba velo por alí. Así as cousas: vai entregar o señor Rey Varela o carnet do Partido Popular? Vai pedir o cese do señor ministro de Industria? Vai dimitir el mesmo, quizais?. Algo terá que facer á parte de asinar continuas resolucións para atrincheirarse no concello, na súa querida ala nobre, para uso exclusivo del e do seu goberno.
O Consello Político Local de Esquerda Unida d eFerrol fai un chamamento á unidade de acción sindical e política, a afortalar a unidade social e a combater con todas as forzas as políticas suicidas que levan á comarca, sen hipérbole, á fame e á miseria. Desde a unidade combate e mobilización contínuas. Agora é o momento da mobilización contundente e masiva ,de apoio ao calendario establecido pola asemblea de traballadores de Navantia fundamentalmente para o día 23 do presente e das unións comarcais das confederacións sindicais para o día 29, tamén de novembro. Certamente Ferrolterra esixe solucións.