Pacto Galego contra a Pobreza

Desde que Alberto Núñez Feijóo e o seu partido, o PP, gobernan na Xunta de Galicia, as partidas destinadas á cooperación ao desenvolvemento minguaron nun 70%. O proxecto de Orzamentos para 2013 confirma o desprezo dos populares por combater a pobreza e a exclusión. As axudas oficiais ao desenvolvemento descenden, nas novas contas públicas, un 36%. En concreto, 2.296.000 euros menos que en 2012. Esta tesoirada, de se manter, significará o desmantelamento da cooperación ao desenvolvemento en Galicia.

Con este novo recorte o Goberno galego diríxese ao incumprimento, a maiores, de acordos tomados en sede parlamentaria. En 2010, os tres partidos con representación na Cámara asinaron o Pacto Galego contra a Pobreza. Este documento trasladaba a Galicia os denominados Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio aprobados na ONU e marcaba como obxectivo para a Xunta que, no ano 2017, polo menos o 0,7% do orzamento autonómico consolidado se dedicase á cooperación. Ademais, periga o futuro da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior, progresivamente desprovista de recursos, e nada se sabe do que debera ser III Plan Director da Cooperación Galega.

O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda pregunta ao Goberno galego se conservará as partidas orzamentarias destinadas á cooperación ao desenvolvemento nos niveis de 2012, se manterá a Subdirección Xeral de Cooperación Exterior ou se aínda considera como seus os obxectivos do Plan Galego contra a Pobreza.

 

 

Relacionados