Paremos o arranque do novo hospital de Vigo

Esquerda Unida súmase aos máis de 100 profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) que interpuxeron un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para pedir a suspensión da entrada en funcionamento dos servizos do novo hospital de Vigo, xa que non dispón dunha unidade central de laboratorio.

Neste senso, Eva Solla, deputada de AGE e responsable da área de Saúde de Esquerda Unida explica que coa ausencia do laboratorio central vulnérase o dereito á integridade e a igualdade das persoas. “Coa xestión do PP, o laboratorio do Hospital Universitario de Vigo pasará ser unha iniciativa público-privada e será reducido a unha cuarta parte da superficie que, nun principio, ía a ter”, explica Solla.

O resultado é que só se terá un laboratorio para as urxencias e que o resto das mostras se farán a 10 quilómetros, nun laboratorio que estará no Hospital do Meixoeiro. Isto xera problemas como os que recorda a propia Sociedade Española de Microbioloxía, que tamén denunciaba esta conducta que conleva a perda de calidade asistencial e a perda de rapidez”, explica a deputada. “Estas e outras consecuencias, derivadas de outras deficiencias as rematarán pagando os usuarios e usuarias do novo hospital que experimenta un cambio de modelo de xestión por un interese relacionado coa privatización”, indica.

Nesta liña, dende AGE viñan recordando que a privatización do novo hospital de Vigo segue a acumular unha serie de deficiencias que lastran o aproveitamento pleno das súas posibilidades. O custo disto? Para Eva Solla está moi claro: “Todas as medidas que se levan a cabo dende o PP están encamiñadas ao desmantelamento da sanidade pública. Dende a chegada de Feijóo á Xunta, a sanidade xa non é nin universal, nin gratuíta, nin pública”, sinalou.

Proba disto é que as camas previstas nun primeiro momento quedaron reducidas á metade, esfumouse o laboratorio central do complexo hospitalario, e todo elo nun contexto onde os estudos críticos elaborados pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública descobren un enorme sobrecusto económico para as arcas públicas públicas (de 408 a 1.794 millóns de euros).

Sobre o aparcadoiro, un novo imposto á enfermedade

 

Hai que destacar que o novo hospital de Vigo, a día de hoxe, aínda adoece dun sistema de transporte público urbano e interurbano que facilite o acceso dos traballadores e da cidadanía ás súas instalación e, ademais, conta cun aparcadoiro de xestión privada e de pago. Isto obriga a cada persoa da plantilla do centro hospitalario a pagar 40 euros mensuais por poder aparcar o vehículo co que van ir ao seu posto de traballo. Para as persoas usuarias, o prezo increméntase ate ao redor dos 60 euros. Ante isto, Eva Solla admite que se descoñece o prezo por hora, “pero será maior, polo que estamos diante dun novo imposto á enfermidade”, asegurou. Os profesionais do hospital tamén pagarán, no seu caso un abono de 40 euros, o que Solla considera “un recorte máis nos seus salarios”, resumiu.

Relacionados