Paro por sectores en novembro

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes reclama un pacto social para definir un plan de emprego que seña quen de loitar contra o drama social do paro que xa afecta a 23.239 coruñeses, incrementándose en 310 persoas respecto ao mes anterior o que supón un 1,35%. Así o paro rexistrado durante o 2012 incrementouse en 1.844 persoas, e iso que os datos están sesgados á baixa polas contabilidades mentireiras que non computan a persoas en cursos, con dispoñibilidade limitada ou con traballos de poucas horas.

Xa que logo, é urxente que o Goberno Municipal reaccione e convoque a todas as forzas políticas e sociais da cidade para artellar unha resposta que sirva para enfrontar  de xeito activo o horror social do paro, que causan as políticas depresivas do PP. Non valen lamentos, o que corresponde dende o concello e asumir un esforzo económico para achegar iniciativas e recursos que palíen o paro que aflixe a nosa cidadanía.

Esquerda Unida considera que os datos do paro por sectores na Coruña evidencian as erráticas políticas do goberno municipal centradas en investimentos relacionados co sector da construción, que no último año non so non destruíu emprego senón que creou 67 postos de traballo en contraposición co resto de sectores que dende o PP goberna na cidade incrementouse de maneira alarmante: o 23% no sector servizos, 8% no sector industria e 16% no sector primario. O que amosa ben as claras que o PP é incapaz de abandonar o caduco e esgotado modelo produtivo do ladrillo e o formigón.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “cun incremento do paro do 16,20% dende a chegada á alcaldía de negreira, o goberno local non pode esperar máis para elaborar un plan de emprego en colaboración con partidos da oposición, sindicatos de clase e emprendedores”. Porque as 3.239 persoas que engrosaron as listas do paro durante a xestión municipal do PP merecen unha oportunidade, que a noso entender pasa por un  plan que se promova o cambio do modelo produtivo e adique recursos públicos, non so municipais senón tamén coa colaboración de Xunta e Deputación, para contratar a persoas en paro e coas prestacións esgotadas, para realizar traballos socialmente útiles e que conte cunha formación engadida.

Relacionados