Privatización tecnoloxía sanitaria

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) volveu bater cun muro, o que edifica o Partido Popular para, desde alí, atacar a sanidade pública. A dereita encabezada polo señor Núñez Feijóo negouse no pleno do Parlamento de Galicia a apoiar unha moción defendida pola deputada de AGE Eva Solla, na que instaba á Xunta a paralizar a privatización, vía proceso de concorrencia competitiva, da alta tecnoloxía do Sergas. “De ir adiante este proceso”, explicou Eva Solla, “unha empresa privada vai ter nas súas mans as decisións de cando, como e que se innova; o control de gran parte da sanidade en Galicia ou a capacidade de presión necesaria para influír no número e tipo de probas que se solicitan”.

A alta tecnoloxía sanitaria, segundo a parlamentaria de Alternativa, é un elemento chave na planificación, en diagnose ou en tratamento. “A investigación e desenvolvemento da mesma”, sinala na argumentación da moción parlamentaria, “é fonte de innovación e recursos para calquera sistema sanitario”. Por iso supón un apetecíbel negocio para compañías privadas. “Pero cando a lei do mercado entra na saúde, esta desaparece como dereito social e humano”, engade Solla. A deputada de AGE lembrou, xustamente, que a privatización da alta tecnoloxía sanitaria na comunidade de Valencia foi moi negativamente avaliada polo Tribunal de Contas correspondente. Este organismo ditaminou que o gasto para as arcas públicas foi moi superior debido á mencionada privatización.

Malia a negativa do PP, que nunca expón en voz alta os seus planos de desmantelamento da sanidade pública pero lévaos adiante contra a opinión das maiorías sociais, AGE tamén esixiu a disolución de Galaria –a empresa pública que xestiona estes servizos- no Sergas e a realización urxente dun estudo sobre as necesidades tecnolóxicas do sector sanitario público. “Débese contar cos profesionais do Sergas e a partir de aí estabelecer prioridades na compra e na actualización de equipos”, expuxo Eva Solla, “mais sempre dende o sector público”.

Relacionados