Retirada cruceiro

Obviando o escandaloso e vergoñento feito de que o fuste está coroado cunha cruz de cemento con dúas figuriñas a cada cal de peor gusto artístico, e cando dito emprego do cemento como elemento arquitectónico atópase moi afastado da xenialidade de Le Corbusier, mestre deste material, este Consello Comarcal defende a aplicación diáfana do artigo 16.3 da C.E. que indica a non adscrición do Estado (e xa que logo a administración concernida encargada da obra), a confesión algunha, e polo tanto chama ao Concello a absterse de destinar cartos e solo públicos á instalación de ornamentos de carácter supersticioso ou relixioso.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela non se abstrae da orixe do primixenio cruceiro, encargo dunha nai en lembranza do seu fillo falecido en 1719 nunha emboscada á altura da hoxe igrexa de San Fernando, e, por certo, hoxe aínda ubicado na praciña de San Fiz de Solovio; nin que o actual é unha copia dos anos 60 pagada pola veciñanza.

É lamentable que os usos e costumes de vasalaxe á Igrexa, propios do período predemocrático, onde a veciñanza, moitas veces presionada pola Igrexa Católica, tiña que atender a sufragar gastos de elementos relixiosos, aínda que non o desexase, para non verse sinalada e perseguida polo clero.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela incide en que é extemporáneo colocar unha homenaxe confesional por parte do Concello nun espazo de lecer por parte dos nenos e nenas; recordo dun episodio histórico que, sendo tráxico, xa deixou a súa impronta ata marcar co nome do finado o lugar da súa morte e ao mesmo grupo de vivendas.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela entende que a veciñanza de Compostela xa ten que aturar o financiamento paralelo da confesión católica en base ás necesidades de mantemento dos edificios relixiosos co subterfuxio da restauración artística por un lado e á dobre xogada de non ter que aboar os correspondentes impostos pola posesión de edificios non destinados a uso litúrxico ou outros solos e a partida multimillonaria estatal anual.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela recorda que xa nas alegacións realizadas aos orzamentos do ano 2012 denunciouse o malgasto de máis de 411.000 euros (falamos de case 70.000.000 de pesetas) na remoción dun parque que cumpría coas necesidades de seguridade e esparexemento dos cativos e propúñase, todo caso, o destino da partida orzamentaria para o pagamento de alugueres sociais e outras estratexias de atención ás emerxencias sociais de vivenda (mocións de 1 de Decembro de 2011 e 14 de Marzo de 2012), ou ao mantemento viario público (moción da 1ª semana de Xaneiro de 2013)

Cómpre recordar que a profusa existencia de bens arquitectónicos e artísticos de carácter relixioso débese ao secular axeonllamento da cidadanía ao poder clerical máis que ao desexo dos profesionais por circunscribirse ao ámbito relixioso; mais hoxe día convén distanciar a acción municipal, obrigatoriamente aconfesional por mandado Constitucional e, agardemos, que o antes posible laico, como rexedora do benestar cidadán, de dito gasto superfluo de fondos públicos para o espallamento de ideas que deben ser actos de conciencia dos individuos.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela insta ao Concello de Santiago á retirada de dito símbolo discutiblemente artístico e desde logo non obxecto da acción dun poder do Estado, repetimos, aconfesional

Relacionados