Sanidade en destrución

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través da súa deputada Eva Solla, arremeteu esta tarde na comisión 3ª contra os orzamentos da Consellaría de Sanidade por “continuar a destruír a sanidade pública”. Para Solla, as contas presentadas pola responsábel do departamento, Rocío Mosquera, significan “menos medios humanos, menos medios materiais, máis privatizacións e máis repagos”. Respecto do ano pasado, as partidas destinadas á sanidade diminúen en 35 millóns. Dende que Núñez Feijóo goberna -2009-, a Xunta dedica 370 millóns menos ao sector.

“Estes son uns orzamentos de retroceso social”, denunciou a parlamentaria de Alternativa, “nin sequera como os do ano pasado, que xa eran paupérrimos”. Eva Solla acusou a Mosquera de “experta en revirar as cifras” e, a continuación, expuxo datos que amosan o ataque da dereita encarnada polo PP ao dereito a unha sanidade pública e gratuíta.

O primeiro deles ten a ver coa redución de orzamento para atención primaria. Dezaseis millóns de euros menos para o que, en palabras de Solla, “debera ser o menos prescindíbel”. Un sistema de saúde público, universal e gratuíto debe basearse nunha atención primaria sólida. Nada que preocupe ao Partido Popular, empeñado en abrir negocio para a empresa privada nun campo, o da sanidade, que tería que ficar alleo á lóxica do lucro. “Pero é que ademais realizan un recorte delirante sobre promesas non cumpridas de construción de centros de saúde”, engadiu a deputada de AGE. Anunciar como novidades anuncios xa emitidos nos últimos anos é outra das especialidades do reaccionario Executivo de Feijóo, dedicado en corpo e alma á propaganda de ocultación da súa ofensiva brutal contra as clases subalternas.

Un 14% menos en limpeza de hospitais e centros de saúde, con concursos a prezo de ganga; tesoirazos en ambulancias e produtos farmacéuticos; a enésima promesa incumprida sobre a ampliación do hospital do Salnés ou sobre nova oferta de emprego público, nunca cumpridas; ou, segundo Solla, “unha insistencia na telemedicina que é de temer que sirva para amortizar prazas públicas, son, no trazo groso que permite unha comisión parlamentaria, características que definen o proxecto do PP para a sanidade pública galega. “Mediante privatizacións e repagos, vostedes seguen coa destrución da sanidade pública”, concluíu Eva Solla, “mentres afondan nas diferenzas de clase, porque os máis prexudicados pola súa política son as traballadoras e traballadores e os pobres”.

Relacionados