Servizos protección social

Esquerda Unida esixe novos servizos municipais de protección social para loitar contra a exclusión dende o público tras perder as familias coruñesas o 20% do poder adquisitivo. Porque os poderes públicos deben garantir as condicións mínimas de vida da cidadanía, observándoas como un dereito e non como un agasallo.

O IGE amosa un evidente declive da capacidade económica dos coruñeses e coruñesas cunha reducción de ingresos dun 10% respecto a 2007 pasado a dispor a renda familiar mensual de 2377 € a 2142 € en catro anos e a renda media por persoa cae a 907 euros, e iso que o informe non inclúe obviamente o ano 2012 uns dos mais duros dende que comezara a crise. A Isto debemos engadir o incremento do IPC nun 10% nos últimos catro anos (2007 4,2%, 2008 1,4%, 2009 0,8%, 2010 3,0%, 2011 2,4%).

Estes datos amosan que a crise está a castigar o dobre na Coruña que na Galiza como amosan os datos de redución de ingresos doutras urbes como Santiago cun 5,7% onde os ingresos medios son de 2378 €, o 5% de Ferrol, o 4,1% de Ourense ou o 2,9% de Lugo cunha media de ingresos de 2132€.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que o goberno municipal debe liderar, un plan que vertebre e coordine a loita contra a pobreza a través dun unha rede de comedores sociais e un Centro Municipal de Inclusión Social (CIMS) que permita despregar os recursos suficientes para unha acción integral a prol das  persoas que se atopan nunha situación de grave necesidade, un centro polivalente, que permita atender tamén aos elementos estruturais para saír da situación de emerxencia e integrarse de novo na sociedade, así as de carácter sociosanitario e sociolaboral, para propiciar a recuperación das persoas usuarias.

A rede municipal de comedores sociais públicos pretende asegurar que todos os coruñeses teñen acceso a unha alimentación digna. Na devandita rede traballarían en sinerxía os actuais comedores xestionados por entidades privadas, cos públicos, descentralizando a oferta e evitando a concentración de marxinais o que evitaría a reticencia de facer uso destas instalacións ao chamados “novos pobres”, cidadáns integrados socialmente que a crise os puxo no limiar da pobreza. Asemade, na Coruña, as distintas entidades benéficas e o propio banco de alimentos recoñecen sentirse superados diante dunha demanda que crece de maneira exponencial, o que sitúa a nosa cidade cun importante déficit en canto á oferta de comedores sociais. Mentres a acción social do goberno municipal limítase a incrementar as subvencións a determinadas ONG.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “os datos do IGE son demoledores un de cada catro fogares coruñeses vive de subsidios, temos que prepararmos para cando deixen de percibir ingresos dos sistemas de protección oficial esas preto de 23.000 familias traballadoras coruñesas, o que supón o 22,4% das familias, porcentaxe que alcanza ao 36% dos fogares se observamos aqueles que reciben máis do 50% dos seus ingresos dalgunha prestación como o subsidio de desemprego ou as pensións dos avós”.

“Se o 2011 foio dramático e o 2012 o foi máis, o 2013 aínda será peor como xa podemos constatar coas desorbitadas subas da enerxía (electricidade, gasolina e gasóleo), do transporte público, moi por enriba do IPC, do recibo da auga máis de 10 € por recibo para o 87% dos coruñeses, das autopistas ou cos avisos que está a mandar o goberno da Xunta avanzando que o 2013 o sacrificio dos coruñeses e coruñesas ten que ser maior, é dicir máis recortes e paro, xa que logo o goberno municipal non o pode fiar todo ás organización benéficas, ten que actuar xa”.

 

 

Relacionados