Folga de fame ante sentenza do TP

· Os membros do Grupo Parlamentar queren manifestar públicamente o apoio e solidariedade con estes traballadores que o 25 de novembro iniciaron unha folga de fame en protesta pola sentenza.

Santiago de Compostela, 27 novembro de 2012.- O 25 de novembro, na cidade de Pontevedra comezou a folga de fame en protesta pola sentenza do Tribunal Penal que condena a tres traballadores a unha pena de tres anos de prisión por mor da folga en defensa do Convenio Colectivo de Comercio Alimentación da provincia de Pontevedra.

O Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda quere manifestar publicamente o seu apoio e solidariedade cos tres traballadores condenados nunha sentenza inxusta e desproporcionada que lonxe de impartir xustiza máis ben parece que o único que pretende é implantar castigos exemplarizantes para o movemento sindical, co único obxectivo de desmobilizar á clase traballadora.

Esta sentenza, unha vez máis ven confirmar o que o pobo xa sabe: hai dúas xustizas, unha para ricos e outra para o pobo. Unha que deixa en liberdade aos responsables de desfalcos, tráfico de influenzas, delitos fiscais, violadores, maltratadores, …, e outra para o pobo, para os que non poden pagar a hipoteca, os que reclaman mellores condicións laborais, os que reclaman o roubado polas preferentes, …

Alternativa Galega de Esquerda esixe, como acto da máis elemental xustiza, a amnistía para os tres condenados e nesta esixencia acudirá en solidariedade cos traballadores afectados á manifestación que se celebrará na cidade de Pontevedra, o día 15 de novembro, ás 11:30 horas.

 

Relacionados