Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través da súa deputada Consuelo Martínez, cualifica a sentenza contra os traballadores de T-Solar, en Ourense, de “ideolóxica” e afirma que só favorece os intereses do gran capital. O ditame do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Ourense asegura que o peche de medio cento de empregados da factoría de paneis solares “é ilexítimo xa que non está amparado polo exercicio dos dereitos de reunión, negociación colectiva nin de acción sindical”. “Con sentenzas coma esta, queda claro que a xustiza será cega, pero ten ideoloxía e intención política”, expón Martínez, “neste caso, garantir os intereses do gran capital en detrimento dos intereses da clase traballadora e do pobo galego”.
Para a parlamentaria de AGE, a xuíz esquece que os obreiros encerrados na planta de T-Solar exercen o seu dereito a protestar contra o espolio e o saqueo da maquinaria e dos bens da empresa. “Están a defender os os intereses do pobo galego ao defenderen a continuidade de T-Solar e ao reclamaren que os cartos públicos entregados á empresa revertan en Galiza”, expón, “e que se manteñan os postos de traballo vinculados a esa concesión de axudas”.