Valoración do paro en marzo

 

Esquerda Unida alerta que o desemprego en marzo na cidade da Coruña aumentou un tercio por riba da media galega mentres que na bisbarra o incremento case triplicou ao galego. Diante desta situación cumpre que os poderes públicos actúen con valentía e eficacia para incidir positivamente sobre a economía a nivel local.

 

O coordinador comarcal de EU e candidato á alcaldía, César Santiso, declarou que “diante da grave situación que estamos a vivir compre adoptar decisións valentes, nos o faremos porque temos alternativa”. Santiso afirmou que a cidadanía debe saber que Esquerda Unida, ao contrario que o resto de forzas políticas, ten propostas reais e pragmáticas para reverter a situación e mellorar a situación da maioría social.

 

Os datos do paro avalan a necesidade do plan proposto polo o consello comarcal de EU Coruña para reactivar a economía local e cambiar o modelo produtivo cara a un máis sostíbel e menos dependente do petróleo. As nosas empresas son excesivamente dependentes do petróleo para desenvolver a súa actividade produtiva, polo que resulta fundamental reducir a devandita dependencia para incrementar a súa competitividade, toda vez que a subida dos prezos do petróleo semella imparábel o que ocasionará o peche de novas empresas co conseguinte aumento do paro. Por iso propoñemos:

 

– A Creación dun Servizo Integral de Apoio Municipal a Emprendedores (SIAME) na que se cubrirán as necesidade básicas de cooperativas, autónomos e PEMES as que se enfrontan na súa primeira etapa. Os únicos requisitos son: dispor dun estudo de viabilidade económica, reducir a dependencia do petróleo na súa actividade e crear emprego estábel e de calidade. Unha taxa que cubra custos de xestión permitirá acceder mediante o uso compartido a oficinas, comunicacións, loxística, servizos administrativos e asesoramento contábel, laboral e tributario. Con esta medida estimamos a creación duns 2000 novos empregos.

 

Un Plan de Reactivación da Vida nos Barrios. Propoñemos a recuperación dos espazos públicos e a diversificación cultural para o goce da cidadanía e apoio e promoción ao pequeno comercio para que cubra a demanda dos barrios e así evitar a destrución de centos de postos de traballo.

 

A Creación da Empresa Municipal para Asegurar a Soberanía Alimentaria Coruñesa (EMASAC). Máis do 10% dos coruñeses e coruñesas están en risco de exclusión social, mentres os prezos dos alimentos medran exponencialmente por mor da crise ecolóxica, enerxética e alimentaria. Diante desta situación cómpre asegurar a soberanía alimentaria mediante a promoción da agricultura da nosa comarca para cubrir as necesidades de produtos agrarios básicos, a través de:

 

 Convenios para converter fincas abandonadas na bisbarra en terras produtivas

 – Soporte técnico e formación cara unha agricultura ecolóxica autosuficiente

 – Convenios cos produtores para garantir prezos dignos en orixe

 Coordinación de redes alternativas de distribución para asegurar un prezo xusto para os consumidores finais e o abastecemento do banco de alimentos e ONG

 – Promoción de cooperativas agrarias de desempregados para explotar as fincas

 Recuperación e transformación de zonas verdes improdutivas da cidade para fomentar unha rede de hortos urbanos con verxeis de froiteiras e xardíns sustentábeis

 

En definitiva, recuperar a riqueza esquecida do agro da nosa comarca, para asegurar a soberanía alimentaria e dar unha oportunidade acerca de 1000 persoas en paro, mentres reducimos a nosa pegada ecolóxica e loitamos contra o cambio climático.

Relacionados