Valoración Folga Xeral

 

Esquerda Unida valora a Folga Xeral como un éxito incuestionable que obrigará ao Goberno do PSOE a modificar as súas políticas económicas antisociais desenvolvidas ao ditado dos mercados, e dicir do poder económico e os especuladores.

 

EU salienta a madurez da cidadanía, especialmente a galega, que cunha participación superior ao 82% e con máis de 110.000 manifestantes nas rúas galegas deixa ven claro que non está disposta a pagar as consecuencias dunha crise da que non é responsábel.

 

Así pois, a mensaxe enviada polo conxunto de traballadores e traballadoras, tanto ao Goberno do PSOE no conxunto do estado como ao Goberno do PP na Galiza, deixa ben as claras o absoluto rexeitamento das medidas económicas de corte neoliberal desenvolvidas por ambos os dous gobernos, baseadas nos recortes sociais e laborais e o debilitamento do público a prol do beneficio privado.

 

O amplo aval acadado polas organizacións sindicais, neste día de loita, ven a cobrar maior importancia, se cabe, diante da campaña mediática contra as organizacións sindicais e a esquerda alternativa e transformadora desenvolvida polos lobbys neoliberais e conservadores, nun vano intento de por de xeonllos a maioría social diante do capital.

 

Asemade, Esquerda Unida congratúlase por conseguir transmitir a sociedade as súas propostas para unha saída social e de esquerdas a crise que demostran que hai unha alternativa favorábel para a maioría social baseada nun principio elemental como o de solidariedade “quen máis ten, máis aporta”.

Relacionados