Alma Acuña e Ricardo Ledo, primeiros candidatos da lista municipal de EU, analisaron as problemáticas da parroquia para encaixalas no programa electoral de EU, que estase a realizar dun xeito participativo.
A directiva veciñal e Esquerda Unida coincidiron en facer fincapé na necesidade de desenvolver unha acción pública quen de dotar de saneamento e alcantarillado a unha poboación que na súa grande maioría adoece del. O Val, aínda ten amplas zonas do seu territorio sen estes servizos básicos para unha cidadanía do século XXI. Esquerda Unida entende fundamental planificar e dotar orzamentariamente unha partida plurianual nos vindeiros orzamentos para atender esta carencia.
O asfaltado das rúas foi outra das eivas para a que demandan as veciñas e veciños do Val unha atención preferente do concello. A nosa organización vai traballar para unha vez acadada representación colmar esta carencia que tamén estimamos inaceptable nestes tempos.
A recorrente falla das sinais de t.v. e de acceso a internet non deixa de expresar senón a notable desatención do actual Goberno Municipal para esta parroquia. Esquerda Unida entende necesario garantir unha acción pública que tenda a rematar coa crecente fenda dixital que se abre na nosa sociedade e, xa que logo, avogará no programa electoral polo arranxo destas deficiencias en particular, e en xeral ao través dun plan para o acceso ás redes wifi nos espazos públicos, que facilite ao acceso a arañeira a poboación do Val.