Xuntanza co profesorado do CELGA

Alternativa Galega de Esquerda denuncia a falla de respecto da Xunta polo idioma e polos dereitos laborais do profesorado dos Celga.

Representantes do colectivo acompañados polos grupos parlamentarios da oposición, sindicatos, a Mesa pola Normalización e a Coordinadora de Traballadores da Normalización da Lingua, denunciaron a organización “contranormalizadora” que está a levar a cabo a Secretaría Xeral de Política Lingüística

Santiago de Compostela, 16 maio de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) amosou o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores e traballadoras dos cursos de certificación en lengua gallega ‘Celga’ que denunciaron esta mañá en rolda de prensa o absoluto fracaso do proceso normalizador da lingua galega por parte da Xunta de Galicia. Os portavoces do colectivo, Lorena López e Anxo Otero, acompañados ddos deputados dos tres grupos parlamentares na oposición ( Ramón Vázquez por AGE, Vicente Docasar por PSdeG e Ana Pontón polo BNG), dos sindicatos (CIG, CUT e STEGA), da Mesa Pola Normalización e a Coordinadora de traballadores da Normalización da Lingua, o colectivo de profesores puxo de manifesto a precaria situación laboral na que se atopan sen contrato, nin seguro, nin seguridade de se van ter ou non traballo entre outras moitas cuestións.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística está a someter a medio millar de profesores e profesoras inscritos nas listas de contratación a unha insostible situación de precariedade pola que non saben cando van comezar a traballar, canto van a cobrar ou cando van a recibir o salario. Por todos isto, esixen a creación dun corpo estable de profesorado e un proceso de contratación transparente e non como o actual que “regulase a dedo”.

O profesorado salientou así mesmo que “non é só un problema laboral senón que atinxe a toda a sociedade xa que non se está a ofrecer un servizo de calidade nin se está a cubrir coa demanda social que teñen estes cursos”. O propio colectivo destacou a terrible organización “contranormalizadora” que está a impulsar a Xunta de Galicia que ano tras ano foi mermando a oferta ata chegar a ter unha soa convocatoria ao ano ao que se suma unha mala distribución xeográfica e o reparto desigual xa que non se pode cursar todos os niveis en todos os lugares. Os representantes do colectivo de profesores sinalaron que na actualidade  a Xunta está a investir 5 millóns de euros fronte os 19 millóns de euros que investía fai 20 anos a Xunta de Manuel Fraga. Na rolda de prensa o portavoz da Mesa pola Normalización, Carlos Callón, advertiu da gravidade da situación explicando que “o mínimo que se lle pide a un goberno que quere normalizar a o galego e é medianamente serio é que dea resposta á demanda da sociedade que quere aprender a lingua”.

Desde Alternativa Galega de Esquerda denuncian a falla de respecto da Xunta non só pola lingua do noso país coa que intentan acabar, senón tamén polos dereitos laborais ao manter na precariedade máis absoluta a estes traballadores e traballadoras.

Relacionados