Xuntanza con Fuco Buxán

 

A devandita xuntanza desenvolveuse dentro da rolda de encontros que Esquerda Unida está a manter con diferentes entidades e asociacións do país ao obxecto de avanzar no proceso de Refundación da esquerda, na procura de conquerir a superación da fenda que hoxendía existe entre a esquerda social e a representación política da esquerda.

 

 

Ambas organizacións recoñecen ter atopado un alto grado de coincidencia no análise da realidade social galega e a necesidade de pular pola construción dun pensamento alternativo e ilusiónante que sexa quen de plantar cara ao argumentario neoliberal TINA (There Is Not Alternative) que pretende facer crer a cidadanía que o sistema capitalista é a única solución, arrastrándoa ao pesimismo e o conformismo.

 

 

Yolanda Díaz explicou que o obxectivo do proceso da Refundación da esquerda é dotar a sociedade dunha ferramenta que sexa quen de pular pola construción dunha nova realidade que permita artellar de maneira participativa e plural un suxeito que exprese os intereses da maioría social deste país nunha clave anticapitalista, republicana e federal. 

 

 

Pola súa banda César Santiso quixo deixar ben claro que este non é un proceso interno de EU, senón que pretende aglutinar a toda a esquerda transformadora que está convencida que outro mundo non só é posible senón que é necesario, xa que logo, a intención non é outra que de desenvolver colectiva e participativamente un programa de acción político-social pragmático que atenda as necesidades reais da cidadanía e permita confluír a todas as forzas políticas e sociais alternativas.

 

 

Santiso explicou que a razón de que sexa Esquerda Unida quen lance o proceso non se debe mirar en clave electoralista, senón que se debe unicamente a que é a forza da esquerda anticapitalista con maior capacidade organizativa, a cal pon xenerosamente ao servizo deste ilusiónante proceso de Refundación.

 

Ambas organizacións coincidiron na necesidade que ten a esquerda de promover movementos asociativos que organicen a sociedade para que esta se decate de que existe outra realidade política, social e cultural. Precisamente, dentro deste contexto, a directiva da Asociación Fuco Buxán, valorou positivamente o proceso de Refundación sempre que se desenvolva dentro dun marco de respecto e compresión a diversidade política da Esquerda. Ao que o Secretario de Organización de Esquerda Unida respondeu expresando que ese é precisamente o espírito da Refundación da esquerda, un proceso onde todos os que pulen por transcender o sistema capitalista teñan cabida.

Relacionados