Nembargantes, si queremos salientar e felicitármonos da inclusión da reurbanización da Praza de Sartaña. Inclusión que prodúcese pola proposta feita por Esquerda Unida, toda vez que o Goberno Municipal non contemplaba esta iniciativa na súa primeira proposta. Queremos aplaudir a inclusión polo Goberno dunha partida para desmantelar a peza que en Amboaxe exalta aos vencedores da Guerra Civil
O Goberno Municipal desbota un conxunto de actuacións – presentadas polo noso Grupo Municipal – que ao noso entender mellorarían claramente a proposta global que se trouxo á Xunta de Voceiros. Coñecida é a globalidade da nosa proposta que facía fincapé no valor da sustentabilidade e na defensa dunha serie de demandas xa formuladas en repetidas ocasións ao Goberno, até o de agora sen demasiado éxito, asemade de incorporar boa parte das demandas formuladas polo movemento veciñal.
A relación de actuacións propostas deixa en evidencia a pouca vontade do Goberno para aceptar propostas necesarias, posibles e positivas para a nosa cidadanía:
– Nós queremos pór a énfase na necesaria adaptación enerxética das instalacións deportivas municipais para as que a nosa organización defende a dotación de solares térmicas como enerxía renovable, dado o grande consumo destas instalacións. Xa o pasado ano o Goberno centrouse nas escolas e para nós semella que este ano hai que abordar de maneira prioritaria as instalacións deportivas e reclamar da Xunta un meirande compromiso cos centros escolares.
– Queremos salientar que a Biblioteca Central – que ten que ser un dos pulmóns culturais da cidade – ten pendente de realización un proxecto elaborado pola anterior responsable da concellería de cultura que permitiría gañara e humanizar a traseira do centro.
– Demandamos que se fagan realidade os centros de atención á cidadanía, que son elementos senlleiros dunha política pública descentralizada e participativa.
– O noso Grupo non comparte que non se tome en consideración o proxecto de reforma do Torrente, centro cultural por excelencia da nosa cidade, para desaproveitar a oportunidade en obras no arredor do Centro cultural que non lle corresponden ao Goberno.
– Tornamos a pedir que se faga realidade o derrubo da nave do mercado fóra de ordenación.
– Ou, por non estendernos máis, a reforma e acondicionamento do quisco do Inferniño para o seu uso polo movemento asociativo veciñal.
En resumo, propostas posibles e necesarias que mellorarán a realidade de vida da nosa cidadanía a condición de que o Goberno rectifique e as asuma para a súa realización con cargo ao Plan E deste ano.