Fábrica de armas

Esquerda Unida chama á cidadanía a participares na manifestación deste sábado pola defensa de Santa Bárbara, na defensa do emprego de 176 familias traballadoras coruñesas, por solidariedade cos traballadores e traballadoras que están a pasar momentos de angustia e porque hai que dicir ben alto que esta factoría emblemática que forma parte da historia viva da cidade non so ten viabilidade, senón que pode converterse nun polo de desenvolvemento da industria da nosa bisbarra e, xa que logo, de xeración de emprego.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón acadar unha declaración institucional unánime do concello da Coruña para instar á Xunta de Galicia a que se implique para evitar o peche da Fábrica de Armas, pois de todos é coñecido que cando se pecha unha infraestrutura industrial, logo convertese en irrecuperable para a actividade económica, motivo polo cal a Xunta debe aplicarse a fondo para evitar este desastre.

Por outra banda a súa viabilidade está máis que asegurada coa diversificación da súa produción cara a sectores emerxentes como o eólico e o aeronáutico, para os que a factoría xa dispón de instalacións axeitadas e o seu persoal está amplamente capacitado.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a Xunta ten que actuar xa, ben xestionando directamente a factoría por ser unha infraestrutura fundamental para a industria galega, ben promovendo unha solución mixta público-privada ou incluso implicando a empresas galegas”.

César Santiso salientou que “agora si que é necesario a máxima unión das forzas políticas coruñesas, para transmitirte a Xunta de Galicia que a Fábrica de Armas é vital para o desenvolvemento da nosa bisbarra”.

Relacionados