Xuntanza cos traballadores de Navantia

Yolanda Díaz coordinadora nacional de EU e vicevoceira de AGE, e Javier Couso, eurodeputado da Izquierda Plural, visitan Navantia e dan conta da entrevista mantida co comisario de competencia da UE sobre a construción do dique flotante.

A vicevoceira de AGE e coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, e o europarlamentario de Izquierda Plural, Javier Couso, mantiveron no día de hoxe unha xuntanza co Comité de Empresa e os traballadores de Navantia Ferrol, para darlles conta da reunión mantida o pasado mércores co Comisario de Competencia da UE saínte Joaquín Almunia. Na xuntanza de hoxe estivo tamén presente Víctor Ledo, secretario xeral da Federación de Industria de CCOO-Galicia –tamén presente na entrevista con Almunia- e Ignacio Naveiras, presidente do Comité de Empresa de Navantia.

Informouse da estafa á que o PP somete á cidadanía de Ferrolterra en relación coa consulta do dique flotante, xa que nunca houbo consulta formal nin se atendeu ao requirimento dun pre-proxecto para poder evaluar a viabilidade desta construción con financiamento público en base ás excepcións do artigo 107 do TFUE.

Os enganos do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia, así como do goberno local de Ferrol, escudándose na incompetencia de Navantia para acadar carga de traballo para os estaleiros, caen polo seu propio peso, ao quedar demostrado que o único interese político do Partido Popular é provocar o deterioro intencionado da competitividade dos nosos estaleiros, e avanzar cara a súa folla de ruta real: a privatización e venda dos estaleiros, sen importar o impacto socioeconómico para a comarca, xa que os consideran, en palabras de Feijoo esta misma semana, “terreos ociosos”.

Yolanda Díaz e Javier Couso anunciaron a presentación dunha batería de iniciativas tanto no Parlamento como no Congreso e o Parlamento Europeo para que o PP definitivamente revele o que trata de agochar aos poucos traballadores que sobreviven no sector naval de Ferrolterra e aos máis de 4000 despedidos da industria auxiliar.

Yolanda Díaz afirmaba que “o camiño definitivo trazado polos gobernos do PP é o desmantelamento do sector naval como un sector público estratéxico”. Posteriormente a esta xuntanza ambos parlamentarios reuníronse coa dirección da empresa de Navantia, a quen Javier Couso acusou de utilizar a política de brazos caídos, pois anunciáronlles, pese a rotundidade de Almunia en que non houbo consulta, que non ían emprender ningún tipo de acción para mellorar a produtividade do estaleiro e incrementar a carga de traballo.

Os deputados visitaron a Ría de Ferrol, xunto con activistas sociais da Plataforma en defensa da Ría de Ferrol, quen expuxeron os danos medioambientais aos que se ve sometida co proxecto do trazado sur do tren ao porto exterior, Reganosa, os recheos da Ría, o saneamento deficiente e as actividades contaminantes de Reganosa e a Forestal do Atlántico, onde prima a especulación fronte ao respecto medioambiental nunha Ría que é fonte de recursos para moitas familias e que avanza cara un recheo de miles de metros cadrados para pelotazos urbanísticos en beneficio duns poucos empresarios e cargos públicos.

Relacionados