Nesta ocasión Esquerda Unida reúnese coa Asociación de sen papeis Coruña para coñecer as demandas do colectivo coa intención de incorporar as súas propostas ao programa municipal da coalición Esquerda Unida – Os Verdes. Pois non cabe dúbida que as persoas sen papeis atópanse en situación irregular, máis iso non significa que os poderes públicos actúen hipocritamente agachando o problema.
Así pois, compre actuar con valentía e decisión diante deste grave problema social e humanitario, polo que o consello comarcal de EU Coruña comprométese a desenvolver un Plan de Integración que sexa quen de actuar sobre a raíz do problema e a exercer todas as accións políticas ao seu alcance para rematar coa persecución policial do concello contra o colectivo. As persoas sen papeis que viven na nosa cidade son veciños e veciñas da Coruña, e como veciñanza que son teñen que igualarse en cuanto a dereitos, e non so obrigas, co resto da cidadanía coruñesa.
César Santiso declarou “consideramos xustas e asumíbeis as propostas achegadas pola Asociación Sen Papeis, polo que as someteremos á decisión da asemblea para incorporalas ao noso programa. Esta é a nosa forma de facer política, desenvolver un programa municipal participativo en que todos e todas poidan facer as súas achegas para mellorar A Coruña, porque outra política é posíbel”.
Finalmente, Santiso reiterou o total apoio de Esquerda Unida as persoas migrantes en xeral e ao colectivo sen papeis en particular, é fixo unha chamada a unidade de acción da esquerda social e política para loitar xuntos contra esta inxustiza.
Ao remate da reunión, ambas as dúas organizacións valoraron como moi positiva a xuntanza mantida e constataron a súa ampla coincidencia no análise da situación e nas propostas de solución. Xa que logo, acordaron manter novas xuntanzas para avanzares no desenvolvemento programático do plan de integración.