A delegación de EU estaba formada polo coordinador comarcal, César Santiso, o responsábel de organización, Jorge Gil Morabes e Jesús Liste membro do consello comarcal e veciño do barrio. Mentres que a da AAVV a constituía a presidenta Aída Antón, a vicepresidenta Dolores Paz, a Secretaria Mª Luísa García e os vocais José Fernández e Ana Alba.
A reunión enmarcase dentro da rolda de xuntanzas que EU está a desenvolver co tecido asociativo coruñés, logo das desenvolvidas coa AVVV Os Castros-San Diego, a AAVV Los Rosalés ou a AAVV Castrillón, para tomar nota das demandas da veciñanza.
O consello comarcal de EU Coruña presentou as súas propostas en canto a participación cidadá mediante orzamentos participativos e o seu Plan Integral de Mobilidade Universal e Sostíbel (PIMUS)
A presidenta da AAVV valorou positivamente a proposta de participación cidadá ao tempo que indicou que se debe traballar moito a implicación da veciñanza para poder chegar até un desenvolvemento eficaz dos orzamentos participativos. Por outra banda subliñou que a mobilidade é o problema máis grave do barrio, o que achacou ao exceso de vehículos.
César Santiso explicou a imperiosa necesidade de reducir o uso dos vehículos privados a motor para reducir o caos circulatorio, a contaminación, as emisións de CO2 e o insostíbel consumo enerxético. Por iso, avogou por unha mellora cuantitativa e cualitativa do transporte público colectivo para facelo atractivo a cidadanía. Santiso citou entre outras medidas:
√ Creación de aparcadoiros disuasorios gratuítos nas entradas da cidade conectados mediante transporte público baseado en metrobuses híbridos que transiten por carril bus, para evitar a entrada de miles de vehículos.
√ Implantación do billete único progresivo diario que permita a utilización universal do transporte público a través do pagamento do billete único no primeiro viaxe e un incremento do 10% do importe inicial en cada transborde ao longo do día.
√ Creación de liñas concéntricas que permitan mobilidade entre barrios sen pasar polo centro.