O tema central da conversa foi a preocupación, compartida polo Consello Comarcal, pola nefasta decisión que suporía para os dereitos dos animais a posible privatización do Refuxio de Bando.
A privatización do Refuxio de Bando é inadmisible. Os animais non poden quedar a expensas dunha empresa privada cuxo obxectivo non é a protección e defensa deles, senón o lucro. Nas canceiras xestionadas por empresas privadas o benestar dos animais é inexistente, os sacrificios prematuros e masivos, e o trato, en moitos casos, pouco ético.
O Concello de Santiago debe ter un Refuxio de titularidade pública onde se vele polos animais, onde se traballe a prol do maior número de adopcións posibles, onde se dispensen as medicacións e tratamentos necesarios e onde se lles proporcionen aos animais unhas condicións dignas e un trato humano. Os dereitos dos animais non se privatizan.
Os representantes do Consello Comarcal manifestaron o seu apoio ás medidas, como notas de prensa ou presenza na rúa, que as voluntarias expuxeron para loitar contra a privatización. Esiximos ao goberno municipal que escoite as palabras das persoas voluntarias, acceda a reunirse con elas e aclare as súas intencións para o Refuxio de Bando.
Nas conversas xurdiu a posibilidade, que o Consello Comarcal de Esquerda Unida apoia, da creación dunha plataforma cidadá, aberta a participación de todas asociacións, partidos políticos e persoas a título individual, que desexen colaborar contra a neglixente e innecesaria privatización.
Por último, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reclama, unha vez máis, que o Concello de Santiago asuma dunha vez por todas a responsabilidade de xestionar, controlar, fiscalizar e tomar as decisións necesarias para que o Refuxio sexa a Protectora Pública de Animais ética e eficiente demandada pola veciñanza de Compostela.