Yolanda Díaz e Javier Galán debaten en Ferrol sobre o futuro dos estaleiros, que pasa por implantar as novas tecnoloxías ao proceso de produción

O Ateneo Ferrolán foi o esceario onde Esquerda Unida Ferrol organizou este tarde o coloquio que leva por título “Estaleiros de futuro, Comarca de futuro”, impartido por Yolanda Díaz, coordinadora de Esquerda Unida e voceira de Industria no Congreso, e Javier Galán, membro de Esquerda Unida e presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol.

Yolanda Díaz, manifestou que “o reto é levar as novas tecnoloxías á cadea de produción. Isto vai esixir un cambio de modelo para todo o persoal, o que supón pular pola recuperación do emprego perdido e definir un proceso de reindustralización”. “Neste momento temos que ter capacidade loxística e ir cara adiante, adaptándonos aos novos procesos. A robotización vai supor que aumentemos a produtividade e esta nova revolución industrial vai pasar por contar con xente nova”, sinalou. Neste senso incidiu en que “a xente nova ten formación, fala diferentes linguas e, por iso, hai que ofrecerlles unha saída digna neste país”, dixo. A este respecto incidiu na necesidade de rexuvenecer a plantilla, un proceso paulatino que debería facerse a través de contratos relevo.

Díaz lembrou tamén que “o goberno do PP, co apoio de Ciudadanos, denegou esta semana no Congreso a tramitación de todas as emendas presentadas por En Marea ás empresas públicas.  Unha das máis representativas e que foi vetada polo Partido Popular, foi a que contemplaba a construción dun novo dique seco na comarca de Ferrolterra, unha obra de moita relevancia, pola necesidade desta infraestrutura para o futuro de empresas tan importantes como Navantia”.

Pola súa banda, Javier Galán, membro de Esquerda Unida e presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, incidiu en que neste momento é fundamental “apoiar o desenvolvemento do I+D+i, xa que ser competitivos vai ser un reto básico para ter futuro para a nosa comarca”. Por iso presentou o plan de implantación do Astillero 4.0. en Navantia Ferrol.

Relacionados