Yolanda Díaz e Xabier Ron defenden a liberdade de expresión no xuízo de Nicanor Acosta

Esta mañá Yolanda Díaz, coordinadora de Esquerda Unida e deputada de En Marea, xunto con Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e deputado de AGE, desprazáronse ata o Edificio Proa de A Coruña co fin de manifestar todo o seu apoio ao compañeiro e incansable loitador Nicanor Acosta, Republicano de Honra de 2015, que foi xulgado por reivindicar os dereitos máis básicos da cidadanía, como á liberdade de expresión, entre outros.

Nas portas do xulgado, Yolanda Díaz sinalou que “Nicanor Acosta ofrece leccións diarias de vida, de como temos que facer as cousas obrando dende o camiño da solidariedade, sendo todo un exemplo de loita, humildade é dignidade neste país, un home que ten a honra de defender os dereitos da cidadanía”.

Pola súa banda, Xabier Ron incidiu en que seguimos a estar “nun contexto represivo, tal e como impón a Lei Mordaza, que tenta silenciar as xustas voces da cidadanía máis reivindicativa. Pola contra, Nicanor Acosta amosa o camiño da defensa dos dereitos fundamentais e, por ende, o verdadeiro reto dunha cidadanía crítica”.

Nicanor Acosta recordou que o que verdadeiramente lle preocupa é “a represión actual contra os colectivos”. Non entanto, asume que “é na rúa onde a cidadanía ten que defender os seus lexítimos dereitos. Se lles estorbamos quere dicir que  imos ben, que o estamos a facer ben, que seguimos na senda da defensa da dignidade”. Preguntado polos xuízos pendentes, Acosta asume que “son en relación coas preferentes”, ou “por se manifestar diante da sede do PP, por protestar contra xente que xoga co pan e o diñeiro da cidadanía. Xente que non é xulgada, aínda que van en contra da cidadanía e do ben común”. Respecto a se ten medo as consecuencias dos seus actos, Nicanor contesta que ningún: “sei que vou polo bo camiño”.

Relacionados