cidadedn.jpg - 2.99 Kb

A CdC e as ocorrencias do PSdG e o BNG

 

Dende o comezo do faraónico proxecto da CdC, Esquerda Unida manifestouse en contra de todo o que representa, tanto pola cultura elitista que defende como pola mercantilización que fai desta, e, por suposto, polo inxente desbaldimento de cartos públicos, hipotecando os orzamentos de Cultura da Xunta de Galicia, esixindo que estas instalacións sexan útiles para a sociedade galega e rexeitando a construción de calquera novo edificio.

 

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela tamén queremos amosar a nosa preocupación polas iniciativas do equipo de goberno, co beneplácito do PP compostelán, para beneficiar este proxecto en detrimento das melloras necesarias en distintos barrios da cidade, como o son o inxente traballo realizado para que a CdC teña acceso á autopista, cun custe superior aos 10 millóns de euros, ou as distintas actuacións que se queren realizar nas Brañas de Sar, para “adecentar” o transito até a CdC, deteriorando este paraxe da nosa cidade.

 

Queremos recordar que no punto 19 das medidas de goberno do PSdG e o BNG se pode ler textualmente: “Construír o parque recreativo-deportivo das Brañas de Sar, […] ben comunicado co Ensanche, a Cidade da Cultura […] O proxecto incluirá […], un espazo cuberto para actividades culturais que recupere a marquesiña da Estación de Ferrocarril, espazos verdes e instalacións deportivas”.

 

Esquerda Unida Compostela sempre mostrou o seu recelo a este proxecto supeditado, como moito do que fai este equipo de goberno, á CdC, debido a súa vaga redacción que permite que o “ben comunicado” se poida realizar coas ocorrencias de teleféricos ou pasarelas, e o elevado número de actuacións que se desexan realizar e que poden provocar un dano irreparable nas Brañas.

 

Unha destas actuacións, que non aparecía nas medidas de goberno, o que demostra, unha vez máis, a improvisación do PSdG e BNG, é a construción do Instituto de Ciencias do Patrimonio. Instituto que EU Compostela considera moi boa nova, e que obviamente se debe levar a cabo, pero á que se lle debería procurar outra ubicación, por exemplo, máis próxima a zona vella e a Facultade de Historia, e que demostra, co lugar decidido para a súa construción, o supeditada que está a política do equipo de goberno á CdC.

Relacionados