Ampliación da zona ORA

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes comparte a crítica dos veciños de Cidade Xardín e Catro Camiños á zona azul. A ampliación da zona azul resulta ineficaz para mellorar o tráfico, porque o centrifuga, non favorece a rotación dos vehículos senón que simplemente prexudica á poboación que reside ou traballa nas rúas da ampliación. A zona azul só ten afán de negocio, fai unha dobre imposición aos vehículos, para beneficiar a concesións en mans de empresas privadas que obteñen pingües beneficios a costa do Concello, mesmo sen aportar nada positivo, ademais, tal como expresaban os veciños da Cidade Xardín “é unha aberración e, sobre todo, cando a empresa concesionaria do servizo está a ser obxecto dunha investigación xudicial”.

Esquerda Unida rexeita a ampliación da zona azul da ORA. Actualmente a zona azul xa é un servizo deficitario ocupando as zonas de máis tráfico da cidade, polo que aumentar a superficie de zona azul a zonas máis extensas e con menos vehículos en realidade implicaría maior pago do Concello nun novo contrato, para un servizo sen demanda nos barrios, que requiren temas urxentes como a mellora do transporte colectivo e o control da dobre fila. Loitaremos pola recuperación das rúas da Coruña para os veciños, loitaremos para evitar que sigan privatizando o espazo público. A cidadanía está a rebelarse cada vez máis contra a prepotencia dos dirixentes que só traballan para beneficiar ás empresas privadas, que xestionan mal os servizos públicos, a ampliación da zonal azul a novos barrios só pode prexudicar aos coruñeses e coruñesas. Se o plan de ampliar a zona azul segue adiante mobilizarémonos coa maioría social para evitalo.

O voceiro de EU-V, César Santiso, afirma que “o goberno municipal pagou medio millón de euros polo PMUS para xustificar unha ampliación da ORA, só así se entende que chamase “montón de papeis” ao plan anterior e encargase un novo. A realidade e que o autor do plan anterior foi finalista dos premios europeos de mobilidade e o custoso informe-capricho de Negreira xustifica unha ampliación da estafa da ORA. Supoño que o alcalde e o tenente alcalde Julio Flores, que está imputado na Pokemon e trapicheou con Vendex asuntos da ORA, estarán contentos”.

Relacionados