Esquerda Unida denuncia que a Xunta de Galicia deixa sen axudas para libros a miles de familias coruñesas. A sustitución do modelo de préstamo dos libros de texto polo novo sistema que aprobou a Xunta de Feijoo, “Gratuidade Solidaria”, está a atacar de cheo o principio de igualdade de oportunidades xa que lonxe de ampliar o número de estudantes beneficiarios destas axudas, deixa fóra a miles de alumnas e alumnos. Neste sentido, resulta sorprendente a inactividade do goberno local coruñés, con responsabilidades e competencias en servizos sociais, sen tomar medidas ante un problema provocado polos recortes e as prioridades do seu partido.
A Xunta de Galicia recortou a partida adicada ás axudas á adquisición de libros de texto. Dita medida non foi ningún impedimento para o PP á hora de calificar os seus orzamentos como “os máis sociais da historia”. Resulta paradoxal que namentras gobernos do PP dificultan o acceso a educación a miles de familias atribúanse distintivos ilusorios. Son uns orzamentos tan sociais que as ANPAS dos centros de ensino público da cidade da Coruña, e do resto de Galicia, estanse facendo cargo de garantir ao alumnado a obtención de libros de texto mediante bancos de libros que solidariamente foron doados.
O obxectivo da Consellería de Educación é que canta menos xente poida gozar das becas, mellor, porque así haberá que investir menos en gasto social e dará cumprimento a súa obsesión dos recortes. De tal modo que o recortazo en educación é un episodio máis na política do PP de liquidación dos servizos públicos e un paso máis para empobrecer á cidadanía.
Polo exposto, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes rexistra unha batería de preguntas escritas a fin de coñecer as medidas que ten previsto levar a cabo o goberno local ante as dificultades das familias coruñesas para acceder aos libros de texto. O tenor literal das preguntas é o seguinte:
– Que medidas ten previsto levar a cabo o goberno local ante a situación pola que están atravesando miles de alumnas e alumnos na Coruña que non poden acceder aos libros de texto?
– Ten previsto o executivo local instar á Xunta de Galicia ao retorno do sistema de préstamo de libros de texto?
Finalmente, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a eufemístia denominación do sistema aprobado pola Xunta como gratuidade solidaria nos libros de texto, resulta pouco gratuíto e escasamente solidario”.