Apoio á marcha a pé a Reganosa

Se no Parlamento de Galicia o grupo parlamentar AGE, a través da vicevoceira Yolanda Díaz, esixiu o desmantelamento da planta, nós, os militantes de Esquerda Unida, os simpatizantes, a xente do común preocupada por un mundo sostible, por unha ría saneada, pola súa integridade física, por unha política sen corrupción nin sumisións aos bancos, reclamamos na rúa o peche definitivo dunha instalación ilegal, contaminante, perigosa e viciada dende o seu inicio cun halo de negocio turbio e interesado.

Por moito que dende Europa, o Partido Popular acale o verdadeiro estado da nosa Ría e a perigosidade de Reganosa, nós non imos ceder, non nos debemos a ningún tecido empresarial, debémonos as persoas e o que queremos é que os gobernos constrúan alternativas para elas, que quiten o foco dos datos macroeconómicos e afronten os problemas reais e cotiás da xente. Reganosa é un deles, un escándalo de corrupción con tintes mafiosos. O comité cidadá de emerxencia non descansa na batalla de asumir a responsabilidade histórica de denunciar uns feitos de especial gravidade, e nós, facémonos copartícipes  desa responsabilidade.

Porque a historia da planta de gas parte, en palabras da viceportavoz de AGE, dun pecado orixinal: un convenio confidencial no que figuran as sinaturas de Manuel Fraga e de altos cargos de Fenosa, Endesa, o grupo Tojeiro ou Caixa Galicia. A factoría ía construírse no porto exterior de Ferrol, e de súpeto mudou para o interior da ría, a escasos metros dun arsenal militar. Esta bomba de reloxaría non parou de recibir apercibimentos xudiciais e mesmo políticos. Alternativa denunciaba que as presións do PP europeo impedían á delegación de parlamentarios europeos acordar un informe sobre o estado das rías galegas mentres non se retirasen as alusións negativas a Reganosa.

Hai apenas un ano, o Tribunal Supremo anulaba a modificación puntual do PXOM de Mugardos que no seu día servira para permitir a construción da planta de gas sen nin sequera declaración de impacto ambiental. Desa sentenza derívase que, expón Díaz na argumentación da proposición non de lei defendida esta mañá, “todos os actos administrativos derivadas daquela modificación son nulos”. Só unha manobra con afán prevaricatorio da Xunta de Feijóo conseguiu que se aprobase unha nova modificación dez días despois da sentenza do Supremo.

Este é o contexto en que AGE reclamou acabar cunha planta de gas froito da corrupción política, a insensibilidade ambiental e a temeridade respecto de veciñas e veciños. O PP votou en contra da proposición de Alternativa, que aceptou como engádegas cadansúa emenda do BNG e do PSdeG. Estes dous grupos abstivéronse de votar no punto 1 da proposición non de lei que esixe o desmantelamento da factoría.


Relacionados