Axudas ao sector dos mariñeiros

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) insta ao goberno galego a articular axudas económicas extraordinarias para paliar as perdas económicas ocasionadas polos continuos temporais o conxunto do sector do mar de Galicia.

O deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo, rexistrou unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que se solicita á Xunta de Galicia que atenda a difícil situación que están a padecer os profesionais do sector nestes últimos meses a causa da adversidade meteorolóxica que ten provocado que a nosa flota pesqueira apenas puidese saír a faenar. Unha situación que unida a xa dramática realidade económica do sector, fai que a día de hoxe a xente do mar estea case na bancarrota. “Os dous meses que suman sen ingresos e os custes fixos os que teñen que facer fronte con independencia dos días de mar, fan que a situación sexa dramática e moitos pensen xa en abandonar este medio de vida” alertou o deputado de AGE.

Alternativa Galega de Esquerda entende que ante esta situación a administración non pode mirar para outro lado xa que os milleiros de galegos e galegas que viven do mar merecen a adopción de medidas urxentes que palíen a actual situación de forma que se poidan compensar economicamente as perdas e situación social afectada.

Así mesmo, Juan Manuel Fajardo lamentou a situación que están a denunciar nos últimos días moitos os mariñeiros que denuncian as presións das entidades financeiras que queren cobrar os seus créditos igual sen lles importar a situación do sector, e que están a provocar que existan miles de persoas no litoral galegos que están en risco de perder os seus medios de vida, barcos ou incluso as súas vivendas. E mentres isto ocorre, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, continúan a mirar cara outro lado, “máis preocupados de tapar as vergoñas da Pokemon que de ofrecer alternativas ao noso país”.

Relacionados