O Grupo Municipal de Esquerda Unida quere significar o valor de proceder con celeridade a elaborar e executar un proxecto de rehabilitación deste inmoble, agora que grazas ás demandas de EU xa forma parte do patrimonio municipal. A cidade ten unha débeda co profesor Carvalho Calero e ten unha oportunidade para pór en valor un espazo preñado de simbolismo e que atenderá –unha vez rehabilitado– a suplir unha necesidade de equipamento cívico e cultural na nosa cidade.
Esquerda Unida considera necesario pór en valor unha peza histórica que debe xogar un papel sobranceiro para divulgar e recuperar a vida e obra do egrexio ferrolán asemade de fornecer ao barrio de Ferrol Vello cun equipamento polivalente, quen de servir aos intereses sociais e culturais do barrio e da cidade.
A Voceira do Grupo, Yolanda Díaz, subliña “ que non se constrúe Ferrol deixando vir abaixo o noso patrimonio”. Nese senso queremos facer un chamamento á responsabilidade pública deste Goberno para que atenda o que é unha necesidade urxente do inmoble: a súa rehabilitación, dando cumprimento a unha arela expresada pola cidadanía.