Castro de Elviña

Mais entendemos que non chega con recuperar a urbe milenaria, senón que é necesario unha actuación moito máis ambiciosa, non só no Castro senón en todo o entorno que ofrece grandes posibilidades de converterse nun punto de máximo interese cultural a nivel mundial. Xa que logo, Esquerda Unida propón un plan integral de rehabilitación para o castro de Elviña e o seu entorno, convertendo así a zona en espazo de máximo interese cultural. Polo que instamos a Concello, Xunta, Ministerio de Fomento, Deputación e Universidade a asinar un convenio de colaboración para desenvolver o devandito proxecto, logo de constatar que a absoluta e alarmante falta de coordinación entre os diferentes entes públicos, está a provocar que unha zona que amosa excelentes posibilidades, se atope en estado de abandono. Un exemplo de desidia e mal facer da administración. Tal é o punto de descoordinación administrativo que nótase con claridade a diferencia, tanto de mantemento como de tipo de infraestruturas e equipamento, en cada lado da estrada principal xestionado por distintos entes públicos. Non podemos permitir que a zona de acceso ao castro se atope en estado lamentable, con estradas cheas de fochancas e deficiente sinalización viaria.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes aposta por recuperar o núcleo rural de San Vicente de Elviña mediante criterios de bioconstrución e transformar os múltiples espazos naturais infrautilizados en hortas urbanas ecolóxicas autoxestionadas. A Coruña ten un tesouro que pola desidia dos distintos gobernos municipais non está a xerar riqueza a cidade, pois a rehabilitación con criterios de construcción ecolóxica de San Vicente de Elviña permitiría recuperar unha aldea rural tradicional galega do século XVIII coas tradicionais casas de pedra de grande valor arquitectónico a escasos metros de zona urbana. Si a esta actuación engadimos a recuperación das estradas que conectan co Castro de Elviña, a preparación de rutas de sendeirismo (até existe un camiño real, e unha posible zona do camiño de Santiago) e a utilización das fincas que na actualidade se atopan cheas de maleza, moitas expropiadas pola universidade pero que durante anos non se fará uso delas, como hortas urbanas ecolóxicas autoxestionadas, crearase un oasis no deserto do formigón da nosa cidade, un conxunto arquitectónico cultural e ecolóxico de relevancia mundial.

Neste sentido, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “apostamos por transformar Elviña nunha zona de grande valor artístico, cultural e ecolóxico para outorgarlle ao castro de Elviña o valor engadido que necesita para converterse nun punto de referencia mundial do ecoturismo”. Semella fundamental aproveitar as sinerxías entre o magnifico xacemento arqueolóxico do Castro de Elviña que dispón dunha escavación exemplar, o núcleo rural e todo o paraxe natural da contorna. Xa que logo, demandamos ao goberno municipal que traballe con dilixencia nesta actuación.

Relacionados