Centros educativos segregadores

 

Ramón Vázquez Díaz, deputado de Alternativa Galega de Esquerda por Lugo e membro da Comisión Parlamentaria de Educación e Cultura e Xabier Ron Fernández como deputado de Grupo Parlamentario de AGE, presentaron hoxe unha Proposición non de Lei o seu debate en Pleno, relativa á supresión dos concertos educativos con centros que segregan ao alumnado en función do sexo.

Dende Alternativa Galega de Esquerda considerase que a educación mixta e a coeducación son requisitos imprescindibles para que, nunha sociedade democrática, se acade unha educación en e para a igualdade, que faga do alumnado persoas formadas en valores de non discriminación en función do sexo ou en función dos roles de xénero que a sociedade, aínda hoxe, segue atribuíndo.

Pola contra a  Xunta de Galicia apostou dende o ano 2009 por subvencionar colexios que discriminan e separan ós seus alumnos e alumnas en función do sexo. En Galicia, concretamente, son cinco os centros educativos deste tipo, todos eles de ideoloxía católica e próximos á órbita do Opus Dei, dous na provincia da Coruña e tres na Provincia de Pontevedra.

A subvención, con fondos públicos, a colexios privados que teñen como modelo a educación diferenciada, significa unha fonda involución no camiño da educación en e para a igualdade, facendo fincapé na especificidade feminina e nos roles atribuídos por sexos propios de épocas xa superadas. Todo iso en detrimento da escola pública que está a verse sometida a un forte deterioro polos acusados e reiterados recortes que se lle están a aplicar tanto en investimento educativo coma en profesorado.

A  Xunta de Galicia debe ter presente que o artigo 14 da Constitución, establece que “todas as persoas son iguais ante a lei, sen que poda prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión ou opinión” e, polo tanto, deberían fomentar que os Centros Educativos avancen na non discriminación e non na orientación contraria.

Compre tamén, facer mención ao disposto no artigo 24 da Lei Orgánica 3/2007, de 22 marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, sobre integración do principio de igualdade na política de educación, que encomenda ás Administracións educativas, no ámbito das súas respectivas competencias, realizar entre outras actuacións “o desenvolvemento de proxectos e programas dirixidos a fomentar o coñecemento e a difusión, entre as persoas da comunidade educativa, dos principios de coeducación e de igualdade efectiva entre mulleres e homes”.

A propia Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece no artigo 9º  que, “en ningún caso, se admitirán contidos, metodoloxía ou criterios de avaliación transmisores, directa ou indirectamente, dunha distribución estereotipada de papeis entre os sexos ou dunha imaxe de dominación dun sexo sobre o outro en calquera ámbito da vida”.
Neste sentido, recentemente o Tribunal Supremo nas súas sentenzas 5492/2012, de 23 de xullo, e 5498/2012, do 24 de xullo, exclúe ós centros segregadores, da posibilidade de concertar coa Administración competente o seu sostemento con fondos públicos, recoñecendo así o disposto no artigo 84.3 da Lei Orgánica 2/2006, de 3 maio, de Educación (LOE) no cal se recolle que: “En ningún caso haberá discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social”, que é unha copia case exacta do citado artigo constitucional.

Por todo iso, o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, a través desta Proposición Non de Lei, insta ao Goberno Galego  a suprimir os concertos educativos e as axudas publicas ós centros educativos que discriminen e separen os seus alumnos e alumnas en función do sexo, en aplicación da xurisprudencia sentada polas sentenzas 5492/2012, do 23 de xullo, e 5498/2012, do 24 de xullo do Tribunal Supremo e a adicar, con absoluta prioridade, ao ensino público os fondos que se liberen do cumprimento das sentenzas indicadas no punto anterior.

 

Relacionados