Chamamento mobilización do naval

A falta de noticias sobre os floteis, o dique flotante e a carga de traballo e, ante o inminente paro total das instalacións por falta de traballo de nova construción, súmase o despropósito do “tax lease” co que o comisario Almunia quere dinamitar un sector que esmorece. Nunha democracia municipal, e non na maioría absoluta ditatorial que practica o Partido Popular, todas as forzas políticas estarían de forma conxunta ao cabo da cidadanía e dos traballadores e traballadoras, erguendo unha voz unísona contra a morte da comarca. Pero iso non é posible: o goberno de Rey Varela demostrou pola vía dos feitos que, máis alá de boas palabras e xestos conmovidos e piadosos, non tivo ningunha actuación política seria en defensa do sector, o que o inhabilita de facto para participar nunha resposta conxunta, e así o recoñecen eles mesmos nun exercicio de autoinculpación, ao non acudir ás mobilizacións, e ser parte dun sentimento colectivo de aldraxe coa comarca de Ferrolterra, que esixa cambios políticos que contribúan ao crecemento de emprego e procure responsabilidades por encima de Navantia ou a Sepi, nos que anuncian o fin da crise, ou os que no seu día, dixeron que en Navantia en marzo estarían “cortando chapas”, como o Ministro Montoro.

A infrutuosa reunión de hoxe con Conselleiro de Industria é un motivo máis para mudar a desesperación en esixencia, para destapar o cinismo institucional, que en declaracións públicas loita polo sector pero que politicamente rexeita mocións nos concellos, no Parlamento e non Congreso na procura de algo moi simple: traballo para unha comarca co 32% de paro.

Esquerda Unida non se agocha e vai estar, como sempre estivo ao carón dos traballadores e as súas lexítimas reivindicacións, tanto na rúa como nas institucións nas que ten representación, e esixirá a dimisión de aqueles gobernos que non teñen nin  a capacidade nin a vontade política de loitar polo sector naval público e privado de Galicia.

Relacionados