Consello de Mobilidade

 

A Xunta abala a demanda de Esquerda Unida de desenvolver un plan de mobilidade previo a aprobación do PXOM. Algo que o noso grupo municipal está a repetir dende que chegou a María Pita, porque non cabe dúbida que A Coruña necesita realizar un cambio profundo en materia de mobilidade que de unha resposta alternativa ao caos de tráfico existente. Un plan baseado no fomento da utilización do transporte público colectivo: mellorando frecuencias, incrementando traxectos, abaratando o seu custe para facelo universal e construíndo aparcadoiros disuasorios. En definitiva a Xunta de Galicia incide na esixencia de EU de desenvolver un Plan Integral de Mobilidade Universal e Sostíbel (PIMUS) que brinde boas alternativas que permitan á poboación abandonar os vehículos privados a motor para os seus desprazamentos.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes levará ao Pleno municipal a creación dun Consello de Mobilidade para que participe no desenvolvemento do plan de mobilidade. Porque somos conscientes que o devandito PIMUS debe ser participado, polo que apostamos por unha elaboración baseada no consenso colectivo onde deben participar todos os axentes sociais: movemento veciñal, colexios de técnicos como arquitectos e enxeñeiros, sindicatos, asociacións de empresarios, movemento ecoloxista e partidos políticos. Xa que logo, desenvolveremos a seguinte pregunta oral no Pleno do vindeiro venres:

 Cando ten previsto o Goberno municipal desenvolver un Plan Integral de Mobilidade Universal e Sostíbel (PIMUS) e cando considera que se poderá executar? E no caso de ter previsto desenvolver o devandito PIMUS, ten previsto que sexa participado polos axentes sociais a través da creación do Consello de Mobilidade?

 

O voceiro de EU-V, César, indicou que “a creación do Consello de Mobilidade, garantiría a participación cidadá nun órgano consultivo dedicado á mellora e supervisión do plan de mobilidade”.

 

César Santiso afirmou que “imos esixirlle a este Goberno municipal que non escatime esforzos para incluír no PXOM todas as recomendacións que a cidade necesita para superar o déficit de mobilidade existente, o problema de maior preocupación para á veciñanza, logo do desemprego, a crise económica e a propia clase política”.

Relacionados