Control área de deportes

Esquerda Unida presenta 37 preguntas para fiscalizar e esclarecer a xestión deportiva municipal. As iniciativas rexistradas para o seguinte pleno municipal constitúen unha ampla e exhaustiva batería de preguntas escritas co obxectivo de fiscalizar a labor do goberno e informar a veciñanza dos pormenores da xestión do Partido Popular, nesta ocasión na área de deporte. Unha vez que o goberno municipal responda a Área de desenvolvemento colectivo de EU que traballa no eido da cultura e o deporte revisará o cumprimento das bases do programa do PP e controlará as subvecións outorgadas polo Concello velando pola a correcta concorrencia competitiva, a adxudicación de cada partida e as xustificacións esgrimidas nas decisións adoptadas.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes solicita os detalles dos convenios do concello con fundacións, asociacións e clubes deportivos para fiscalizar a labor do goberno municipal. Así as preguntas escritas solicitan para cada un dos convenios que aparecen no anexo de transferencias do orzamento 2012, saber si erealmente se asinou o convenio, coñecer os compromisos cuantificabeis e acreditabeis adoptados polo beneficiario, saber si o goberno municipal controlou o cumprimento dos ditos compromisos e a forma en que se acreditou o compromiso.

O aumento da transparencia foi unha promesa electoral central do partido popular, pero os avances neste ámbito de vital importancia quedaron reducidos a documentos políticos de carácter declarativo sen aplicación  práctica. Os datos e as cifras saen a conta gotas e orientadas a reforzar a imaxe do goberno, mentres se ocultan detalles preocupantes de importancia pública, como ocorre cos contratos do concello coa concesionaria de reciclaxe de lixo de Nostián.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “os detalles dos convenios do Concello deben ser públicos e accesibles, pois quen debe valorar a xestión é a veciñanza e precisa de tódolos datos para  emitir un veredicto.” A transparencia é unha labor de información, polo que un goberno transparente debe como mínimo garantir o acceso a documentos como contratos e informes técnicos. Os datos e os documentos oficiais son o principal instrumento que permite valorar ao cidadán a efectividade e eficiencia da xestión, por isto os canais de comunicación dun goberno verdadeiramente transparente utilizaríanse para dar a coñecer tódalas cifras relevantes, non para realizar márketing publicitario electoralista.

Relacionados