Corrupción subvencións forestais

Antón Sánchez, esixiu en Comisión parlamentaria que se tomen medidas para solucionar as deficiencias de funcionamento do servizo e se leven a cabo inspeccións presenciais en todos os casos.

Santiago de Compostela, 11 abril de 2013.- O deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Antón Sánchez, preguntou esta mañá en Comisión parlamentaria pola “trama corrupta” na concesión de subvencións para a repoboación no distrito forestal V de Vimianzo polo que o Tribunal de Contas da Unión Europea emitiu un informe no que se sinalaba que Galicia é unha das rexións na que máis erros se dan nestas subvencións.  O deputado de AGE, criticou a falta de reacción ante este problema que está en trámite xudicial e na que están implicados empresarios, axentes forestais, entidades bancarias…

“O goberno galego ten a obriga de garantir o correcto funcionamento deste servizo defendendo aos cidadáns afectados que continúan a ter que se manifestar na rúa para esixir a solución deste problema” explicou Antón Sánchez que asegurou que “durante un tempo foi moi fácil facer negocio a costa das subvencións”. A trama das subvencións irregulares da zona da Costa da Morte veu a luz por casualidade polo que desde Alternativa Galega de Esquerda piden á Xunta de Galicia non eluda a responsabilidade e tome as medidas precisas para solucionar as deficiencias no funcionamento deste servizo para, entre outras cuestións, tratar de recuperar a confianza dos veciños e veciñas do noso país na administración.

Antón Sánchez lamentou a falta dunha decisión firme da Xunta nesta trama corrupta que evite que sexa tan doado cometer un fraude. Así mesmo, o deputado de Alternativa Galega de Esquerda denunciou as ameazas ás que están sometidos os veciños e veciñas de Vimianzo por parte dos defraudadores que debe facer que o goberno galego reaccione de xeito urxente e se poña do lado do pobo como é a súa obriga.

 

Relacionados