Cultivos hidropónicos

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera un grave erro que o goberno municipal aposte por formar alumnos en actividades insustentables que desaproveitan os recursos naturais como os cultivos hidropónicos. Lamentamos profundamente que pese ao noso esforzo propositivo a prol do cambio do modelo produtivo local, o PP incentive actividades que inciden no actual e caduco modelo que nos levou a situación actual. Así, en lugar de apostar por actividades sustentables baseadas na redución do consumo de enerxía, ao tempo que fomenten o autoempleo e o cooperativismo para xerar emprego estable de calidade, o Concello está a impartir formación nunha técnica agraria que profunda na perda de soberanía alimentaria.  Pois o cultivo hidropónico, na actualidade, significa o súmmum da mal chamada revolución verde que naceu fai medio século como a solución á fame do mundo, mais na actualidade sabemos que constituíu un rotundo fracaso en termos medioambientais e sociais. Pois non so non cumpriu o seu obxectivo de evitar que os seres humanos pasen fame (a día de hoxe incrementouse exponencialmente a poboación que pasa carencias alimentarias), senón que supuxo a reconversión da sustentable agricultura tradicional, por unha explotación intensiva e extensiva baseada na utilización masiva de produtos químicos, que en definitiva supuxo a esquilmación dos recursos naturais até o punto de desertizar gran cantidade de zonas agrícolas o empobrecemento da calidade dos produtos agrarios co conseguinte impacto na saúde dos consumidores e a perda da soberanía alimentaria ao depender das grandes multinacionais petroquímicas, e explotar as terras grandes consorcios en lugar dos traballadores autóctonos.

Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal está a promover actividades insostibles e contaminantes no centro de formación, lonxe de apostar pola agricultura ecolóxica como propoñemos dende EU-V, os únicos cursos de formación agraria son sobre cultivos hidropónicos. Cultivos desnaturalizados onde as hortalizas crecen sobre auga chea de abonos químicos e luz artificial, sen sol nin terra. Isto, ao contrario que sucede coa agricultura ecolóxica, impide o autoempleo e a creación de cooperativas de desempregados, debido a alta inversión inicial e o elevado custe de produción que fai esta actividade pouco viable debido aos custes enerxéticos e o prezo dos fertilizantes hidrosolubles, os máis caros do mercado.

O resultado desta técnica son produtos sen gusto e pouco sans debido a alimentación química das hortalizas, o que ademais provoca maior contaminación das augas  subterráneas, ríos e lagos (eutrofización), asemade de ser a técnica agrícola con maior pegada ecolóxica e con maior impacto sobre o quecemento global.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “semella unha burla chamar ecolóxico a un cultivo baseado en nutrientes químicos que é antinatural, contaminante  e grande consumidor de recursos”. Efectivamente, non necesitan pesticidas e funxicidas pero isto é debido a que e unha practica que vai contra natura, polo demais é a práctica agrícola máis insustentable.

César Santiso recordou que a agricultura ecolóxica é sustentable tanto medioambiental como socialmente enon utiliza nin química, nin pesticidas nin funxicidas, dando lugar a produtos sans de máxima calidade e gusto. Ao tempo que permitiría recuperar a riqueza natural galega e outorgar un uso racional e responsable do territorio.

Relacionados