O noso país ten no eido da organización territorial características propias moi marcadas, en particular a dispersión territorial e unha propiedade rural moi fragmentada. Características propias específicas que teñen que ser atendidas polas administracións públicas no canto de proporcionar os diferentes servizos que necesita a nosa sociedade. Xa que logo, diante destas condicións adquire unha particular relevancia o dispor dun servizo catastral que preste un servizo público coa maior proximidade posible respecto á cidadanía.
Contar cun PUNTO DE INFORMACIÓN CATASTRAL DA PROPIEDADE RÚSTICA semella ser unha demanda aínda insatisfeita tras ser moitas veces reclamada pola veciñanza da zona rural. Hoxendía a nosa cidade xa conta cunha oficina semellante para o catastro urbano, sendo de xustiza que a zona rural conte cunhas prestacións semellantes. O seu establecemento non suporá un custo oneroso para o noso Concello, antes ben, suporá achegar un servizo necesario para a nosa veciñanza.
Prestación que permitirá a divulgación e xeneralización do uso da información territorial, o cal entendemos que é particularmente valioso para unhas sociedades alcumadas como sociedades da información ou do coñecemento. A veciñanza da zona rural terá, deste xeito, un acceso pronto e máis fácil ao rexistro descritivo e gráfico das fincas de natureza rústica, rexistro de notable importancia polas funcións que cumpre: a determinación da propiedade territorial e a determinación da riqueza municipal, base para estebelecer as obrigas contributivas que afectan a veciñanza da zona rural.
O PUNTO DE INFORMACIÓN CATASTRAL asumirá un papel intermediador no exercicio do dereito de información da cidadanía, á que subministrará de xeito gratuíto de toda a información que exista na base de datos estatal do catastro. Punto que permitirá acceder aos servizos de consulta libre e certificación electrónica de datos catastrais non protexidos e de cartografía dixital, o servizo de consulta e certificación electrónica para titulares catastrais de datos protexidos dos bens inmobles da súa titularidade, o servizo de certificación negativa de bens inmobles ou da circunstancia de non figurar como titular no rexistro catastral relativa ao propio solicitante, e calquera das outras prestacións que se poidan implantar no futuro.
Xa que logo, sometemos á consideración do PLENO DO CONCELLO DE FERROL a adopción do seguinte
ACORDO:
I.- Que o Concello de Ferrol realice as xestións pertinentes para conquerir da Dirección Xeral do Catastro, dependente do Ministerio de Economía e Facenda, a instalación dun Punto de Información Catastral da propiedade rústica.= II.- En consonancia co punto primeiro, que o goberno de Ferrol incorpore no vindeiro orzamento a previsión orzamentaria necesaria para a apertura do devandito Punto de Información Catastral.”