Desprezo do PP cara a cidadanía

O Grupo Parlamentario de Alternativa reproba enerxicamente a actitude de “absoluto desprezo” manifestada na sesión plenaria de hoxe no Parlamento por parte do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, que a penas quedou uns minutos no hemiciclo, e sendo incluso máis grave no caso da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, que non tivo a nin a consideración de chegar a tempo para escoitar ao representante da Plataforma SOS Sanidade Pública na súa presentación da iniciativa lexislativa popular para a defensa e a promoción da sanidade pública para o seu debate de toma en consideración.

Non só se negan a incluir as iniciativas presentadas polo propios cidadáns, mesmo pese a que este tipo de iniciativas chegan ao Parlamento despois acadar o apoio de cando menos 15.000 sinaturas, senón que a súa soberbia fai que nin tan sequera teñan a decencia de escoitalos.

“Do Sr. Feijoo non podemos esperar outra cousa porque xa ten máis que demostrado que o Parlamento de Galicia e as propostas da cidadanía non lle interesan en absoluto pero hoxe ademáis puidemos comprobar o total desprezo e desconsideración por parte da Conselleira de Sanidade e respecto do que os cidadáns teñen que dicir en relación á área da que ela é responsable” declaran desde o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda.

O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda pola súa parte apoiou a Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa e Promoción da Sanidade Pública presentada hoxe no Pleno do Parlamento Galego.

A deputada parlamentaria, Eva Solla, indicou durante a súa intervención que “os recortes, repagos e privatizacións que está a sufrir a sanidade en Galicia están rematando co modelo de servizo público, universal e gratuito, evidenciando a loita de clases”.

Así mesmo, criticou a falta do Presidente Feijoó durante o debate, que só acudiu para a votación, e da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, que chegou tarde.

O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda comprometeuse, en boca da súa deputada, a defender a sanidade “con unllas e dentes”, xa que considera que de ningunha maneira debía haberse “tocado” por ser un piar básico dos dereitos sociais.

 

Relacionados