Salario Social Universal

O deputado Juan Manuel Fajardo lamentou a actitude “cruel, mediocre e arrogante” do PP que unicamente ten présa por rescatar á banca, ás autovías e aos grandes empresarios mentres e mira cara outro lado cando se trata de persoas

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Juan Manuel Fajardo, lamentou que o goberno galego só sexa sensible cos grandes empresarios e banqueiros mentres para os que máis sofren manteña unha actitude “cruel, mediocre e arrogante”. Cruel pola evidente falla de humanidade ao nin se inmutar ante os milleiros de persoas que se atopan nunha situación crítica e que diariamente saen nos medios de comunicación do noso país. Mediocre pola súa incapacidade xa non só para poñer fin a este tipo de situacións senón de evitar incluso que se incrementen os casos de xeito alarmante día tras día. E arrogante, como evidenciou a resposta do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na última sesión de control no Parlamento na que a preguntas de AGE sobre a desnutrición infantil atreveuse a acusar a portavoz de AGE, Yolanda Díaz, de facer “discursos apocalípticos” negando así mesmo os datos ofrecidos por Cáritas.

Nunha situación de auténtico drama social no que os continuos recortes impostos polos gobernos do Partido Popular, o deputado de AGE asegurou que resulta “impresentable” que o goberno da Xunta de Galicia deixara sen executar nada menos que o 42 por cento do orzamento destinado a Axudas de emerxencia e o 36 por cento da partida de ‘Axudas e subvencións de servicios sociais’. Así mesmo, denunciou o colapso que se está a vivir nos departamentos de servizos sociais nos concellos que está a provocar que desde que unha persoa acode ao seu municipio para solicitar a Renda de Integración Social de Galicia (Risga) e o momento no que se abona esta axuda están a transcorrer seis e sete meses deixando a estas persoas sen ningún tipo de ingreso durante todo este tempo. “Semella que para o PP unha persoa é capaz de sobrevivir sen comer durante máis de medio ano, habería que lle deixar sen ningún tipo de ingreso nin aforro algún ao señor Feijóo durante seis meses a ver se era capaz de sobrevivir” sinalou Fajardo.

As consecuencias destes retrasos están a levar aos afectados a situacións límite como é o caso da muller de Vilagarcía que iniciou hoxe unha folga de fame que leva dez meses esperando a que se lle trámite a solicitude desta axuda. “Os gobernos do Partido Popular apresúranse a rescatar a banca, as autovías, as grandes empresas…pero cando son persoas as que precisan ser rescatadas optan por mirar cara outro lado ou negar a realidade” lamentou o deputado de AGE.

Por último, e ante as constantes declaracións do presidente da Xunta de Galicia e da conselleira do “desemprego e do malestar”, Beatriz Mato, nas que tratan de manipular á cidadanía afirmando que se incrementou o orzamento destinada á Risga, Juan Manuel Fajardo destapou o engano denunciando o desvío de cartos doutras partidas de Servizos Sociais para o destinar a esta partida o que lonxe de solucionar o problema o único que fai tapar nun lado para deixar ao descuberto outro. Así mesmo, o deputado de AGE sinalou que o incremento que se situou en 521.000 euros é a mesma contía que o goberno galego gasta nunha soa campaña de fomento da natalidade o que resulta incongruente e hipócrita xa que por un lado animase á cidadanía a ter fillos e fillas para despois deixalos abandonados a súa sorte por parte da Xunta de Galicia se unha vez nacidos non teñen nin tan sequera para comer.

 

Por todo isto, o grupo parlamentar de Alternativa galega de Esquerda presentará diversas iniciativas co obxectivo de coñecer esixir ao goberno galego que solucione de xeito urxente os retrasos e colapso que se está a dar nos servizos sociais así como insistir na necesidade de que a Xunta de Galicia aprobe a creación dun salario social con carácter universal de xeito que ningunha persoa no noso país teña que se ver na imposible situación de ter que sobrevivir sen ingresar un só euro ao mes.

Relacionados