O portavoz Xosé Manuel Beiras asegura que “alén dos Pirineos, isto sería un motivo máis que suficiente para dimitir, pero, como dicía Fraga, ‘Spain is different”.
Santiago de Compostela, 1 de abril de 2013.- “O presidente da Xunta ten que poñer o seu cargo a disposición do Parlamento, non do seu grupo, e explicar as súas relacións co contrabandista Marcial Dorado”, esixiu esta mañá o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras. “Alén dos Pirineos”, afirmou, “isto sería un motivo máis que abondo para dimisión, pero, como dicía Fraga, ‘Spain is different”. Para Alternativa Galega de Esquerda, ningunha das escusas de mal pagador ofrecidas hoxe por Alberto Núñez Feijóo sobre as fotografías en que aparece no iate do contrabandista Dorado é válida. “E non nos vale tampouco que o presidente da Xunta se dirixa a nós a través dos medios de comunicación, nin moito menos por comunicados risíbeis de adolescente inmaduro do Opus cachado nas patacas, debe comparecer na Cámara de representantes do pobo galego”, engadiu Beiras.
O portavoz de Alternativa, que Feijóo asegure que, na data das imaxes, non sabía das actividades de Dorado resulta ridículo. “Debía de ser un único cidadán que non sabía quen era Marcial Dorado nunha etapa en que algunhas mulleres loitaban con afouteza contra o narcotráfico”, dixo. Era, amais, unha etapa sobre a que agora comeza a haber luz e na que, lembrou Beiras, o ex presidente Albor se xuntaba en Portugal con sonados contrabandistas e Fraga Iribarne mantiña relacións con Terito ou Falconetti. “Non queremos dicir que Feijóo fixese acordos no iate de Marcial Dorado, pero debía saber con quen andaba”, expuxo, “porque senón, é que Feijóo era xordo e cego e non escoitaba. Estaba no illamento social que, para el, debía ser estar illado no iate de Dorado”.
En calquera caso, Alberto Núñez Feijóo, no tempo que documentan as imaxes publicadas por El País, era alto cargo da Consellaría de Sanidade ás ordes de Romay Becaría. “Non é que tivese responsabilidades laborais, eran responsabilidades políticas e non serven desculpas”. “Algo cheira a podre en Elsinor, como dicía o don Hamlet de Cunqueiro”, concluíu Beiras.