Discriminación dende a consellería

A Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) considera inaceptable a discriminación das persoas seropositivas no acceso á formación, segundo establece a Consellería de Educación nas bases de acceso ao Ciclo Formativo de Perruquería, que se imparte no IES Ricardo Carballo Calero de Ferrol.

ALEAS-EU súmase deste xeito á denuncia que ven de facer Lazos Pro Solidariedade – Comité Antisida de Ferrol en relación ás condicións discriminatorias, establecidas pola Consellería de Educación, no acceso ao Ciclo de Formación en Perruquería que se imparte no IES Ricardo Carballo Calero de Ferrol.

Entre os requirimentos para acceder a esta formación figura a acreditación, mediante informe médico, de non padecer ningunha doenza infecto-contaxiosa. En consecuencia as persoas portadoras de VIH non poderían acceder á formación ao atoparse incluídas nesta categoría, cando a propia Consellería de Sanidade informa no seu material divulgativo das vías de transmisión do VIH, e recolle textualmente que “o VIH non se transmite ao compartir lugar de traballo”.

Dende ALEAS-EU esiximos á Xunta de Galicia a rectificación inmediata das condicións de acceso ao Ciclo Formativo de Perruquería no IES Ricardo Carballo Calero de Ferrol, permitindo a matrícula ás persoas VIH+, así como a eliminación de calquera outra traba administrativa no acceso das persoas que viven con VIH aos bens e servizos.

Neste senso o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ven de reclamar explicacións á Xunta de Galicia por estes feitos, ao entender que é inadmisible que coa información da que dispoñemos se sigan a dar situacións discriminatorias deste calado. Por este motivo, tamén dende o Grupo Parlamentario de AGE, se veñen de rexistrar unha batería de medidas dirixidas a evitar este tipo de situacións discriminatorias.

A deputada Eva Solla destaca a importancia de revisar a catalogación da infección por VIH como doenza infecto-contaxiosa, indicando que sería máis preciso e evitaría este tipo de situacións a consideración de doenza infecto-transmisible, tal e como veñen reclamando as asociación e a Coordinadora Estatal de VIH-SIDA (CESIDA). Nesta liña figura entre as propostas presentadas por AGE a elaboración, por parte do goberno do Estado, dunha norma que determine o catálogo de doenzas de especial consideración aos efectos do acceso a bens e servizos, como é o caso do VIH-SIDA.

 

Demándase tamén ao goberno da Xunta a elaboración dun catálogo de normas para os sectores públicos e privados e de procedementos respecto ao VIH-SIDA dirixidos aos grupos profesionais e empregados públicos, en cumprimento da décima directriz internacional de Nacións Unidas sobre VIH-SIDA.

Relacionados