Edificio aduanas Ferrol Vello

 

 

A nosa organización considera que no actual estado de degradación do barrio cómpre producir un pulo transformador e acreditamos no valor dos  investimentos públicos necesarios para dinamizar o barrio e producir equipamentos que sirvan como elementos de recuperación social e demográfica do barrio.

 

Non podemos compartir o anunciado emprego deste inmoble como espazo para a Garda Civil. Afirmamos a necesidade de atender outros equipamentos sociais de meirande importancia e urxencia neste espazo.

 

A referida mellora dos equipamentos supón un alicerce para coadxuvar a cambiar  as dinámicas perversas que teñen atacado a potencialidade do barrio primixenio da cidade.

 

A nosa organización quere lembrar que de resultas dunha moción nosa presentada en xullo de 2006 se acadara o acordo plenario de comezar as conversas  co Ministerio para conveniar a cesión do inmoble de aduanas. O certo é que tralo paso do tempo non se conqueriu polo Goberno Municipal  facer efectiva a nosa proposta,  a pesares de terse convertido para entón  xa nun acordo plenario.

 

Esquerda Unida quere  preguntar polas xestións documentadas levadas a cabo polo Goberno Municipal para facer efectivo este acordo. Queremos saber das xuntanzas e compromisos acadados co Ministerio de Economía e Facenda para  ceder o inmoble para que satisfaga necesidades sociais da nosa cidade, e en concreto do barrio de Ferrol Vello.

 

O Grupo Municipal de Esquerda Unida entende que o futuro emprego do inmoble, caso de facerse a cesión para a nosa cidade, terá que ser para un uso social e desta maneira pular pola recuperación do barrio de Ferrol Vello, atendendo ás necesidades da súa veciñanza.

 

Por último, Esquerda Unida  insta ao Goberno Municipal a retomar e acelerar as negociacións para conquerir a cesión do devandito inmoble e a súa afectación como dotacional público de carácter social para o barrio de Ferrol Vello.

Relacionados